Crónica | Paradelenses condeados a morte na Guerra Civil Paradela foi un dos concellos máis afectados polas convulsións do conflicto armado do 1936. Entre os fusilados estivo o último alcalde republicano, Xosé Ramón Dosío
13 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Entre tódolos concellos da comarca de Sarria o máis afectado polas convulsións da Guerra Civil entre 1936 e 1940 foi sen dúbida o de Paradela. Este feito debeuse principalmente ao activismo comprometido de comités parroquiais e a unha serie de feitos que tiveron lugar antes e durante os anos da contenda. No ano 1932 a igrexa de Santa María de Castro de Rei de Lemos fora incendiada, houbo episodios de anulación de votacións en Francos e Castro de Rei, e nos primeiros días do alzamento militar contra a República producíronse queimas en Sismonde e na Casa de Tosende de Vilachá de Cortes, e máis adiante a morte do párroco de Castro de Rei, don Francisco Ochoa Rodríguez (o 13 de febreiro de 1937). Todos estes factores, xunto coa mala fama de revolucionarios con que se alcumara aos veciños de Castro de Rei, fixeron que de xeito sistemático o labor represor caese nas parroquias deste concello, onde, para maior efectividade se implantaron cuarteis da Garda Civil en Pacios e Mosteiro Vello, co reforzo de soldados e milicias. Xa nos primeiros días do movemento militar, falanxistas, exército e Garda Civil levaron adiante un labor sistemático de caza de elementos revolucionarios, no dicir das publicacións da época, mesmo cunha proposta de queima de montes para que os fuxidos tiveran que abandonar os lugares onde estaban agochados. Feitos presos, varios dos fuxidos acabaron sendo fusilados no cemiterio de Lugo, dándose tamén episodios de paseos e mortes nos camiños, que fan que non houbeses concello lucense onde o labor exemplarizante se producise con tanta intensidade. Sen que o listado sexa completo, relaciónanse a continuación algúns dos mortos por hemorraxia producida por disparos de arma de fogo ou por feridas mortais na cabeza, peculiares maneiras de indicar as mortes por aplicación de sentenzas en consellos de guerra por auxilio a rebelión ou polo expediente do paseo. O 6 de xullo de 1937, en Bariz, morreu Eduardo Arias González, labrego de 59 anos. O 29 de xullo de 1937, en aplicación se sentenza dun tribunal militar, foron fusilados en Lugo: Xoán Abella Armesto (labrego de 28 anos), Xosé Ramón Dosío López (último alcalde republicano de Paradela, mecánico de 36 anos), Avelino Rodríguez López (pintor das Cotes de 23 anos), Daniel Pérez López (de Andreade, labrego de 35 anos), Xosé López López (de San Miguel, labrego de 44 anos) e Marcelino López López (de Randulfe, labrego e de 23 anos). O 11 de outubro de 1937, tamén en aplicación de sentenza en consello de guerra, foron pasados polas armas en Lugo: Manuel Días Díaz (labrego de 19 anos), Valentín López García (labrego de 60 anos), Benigno López López (de Igón, labrego de 29 anos), Ramiro Rodríguez Gutiérrez (de Castro, labrego de 45 anos), Xosé López Yáñez (das Cortes, labrego de 54 anos), Manuel Pérez González (carpinteiro de 19 anos. O 15 de outubro de 1937 na parroquia de Mosteiro Vello morreu violentamente Daniel Tejón Arias, labrego de 29 anos. O 25 de abril de 1938, na Laxe, morreu Xoán Boado López, labrego de 72 anos.