Golpe a golpe

LUGO

ARCO DA VELLA | O |

08 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

GOLPE a golpe e verso a verso vaise facendo camiño ao andar, como escribiu Antonio Machado e cantou Joan Manuel Serrat; e así, se cadra, aínda poden facer camiño os ferreiros de Ferreiravella, aos que se lles podería poñer como acompañamento literario, se fixese falta, o de Álvaro Cunqueiro, que tantas veces foi de Mondoñedo a Riotorto na súa nenez. Converter unha tradición como a dos ferreiros en aliciente turístico é posible e interesante: velaí Taramundi, do que que pode dicir que limita con Riotorto A Pontenova por medio, como o fai, mar por medio, Ribadeo con Inglaterra. A ninguén deixa indiferente o esforzo que require este traballo; pero non menos interesante, aínda que se cadra máis difícil, é acadar que ese vello e duro oficio se converta nunha alternativa de futuro con forza suficiente para atraer xente nova que garanta un relevo xeracional. ¿Teñen que unirse os ferreiros? ¿Que apoios firmes e que medidas concretas pode achegar a Xunta para estimular a actividade? ¿Cómpre crear unha sociedade mixta con capital público e privado? ¿Hai que abandonar pouco a pouco os fouciños e centrarse nos coitelos porque abren máis expectativas de mercado e de beneficio económico? Oxalá chegue o traballo dos ferreiros aos museos, pero oxalá non desapareza das tendas.