Doiras volverá ter romería mañá

Fernanda Follana OS ANCARES

LUGO

ÓSCAR CELA

Crónica | Unha parroquia ancaresa que recupera os seus festexos Comida campestre, música tradicional e verbena nocturna animarán a localidade despois de 30 anos. Esta festa é un berro dun pobo que quere existir

12 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?oiras recupera as súas festas despois de 30 años. «Tratamos de animar a zona e darlle algo de vida», afirma Miguel González Vilela, presidente do grupo de mozos que forman a comisión e que pretenden reivindicar que Os Ancares existe máis aló da etiqueta de parque natural que luce nas guías turísticas. Miguel espera que «cada ano sexa unha festa mellor», e insiste en que a iniciativa non vai quedar aquí, senón que pretenden constituír unha asociación cultural para «recuperar cancións, xogos e tradicións que definen a nosa identidade». É unha inxección de autoestima necesaria para a xente dos Ancares, nuns tempos nos que a vida no rural non é rendible e a falta de atención administrativa está provocando un éxodo da poboación moza. Programa «Cambiamos a data para o día 14, porque está todo o mundo, a partir do 15 vaise xa moita xente», explica o líder dos ramistas. Os festexos celebraranse mañá luns durante todo o día no entorno do río Cancelada, ao seu paso por esta localidade de Cervantes. A xornada comeza ás doce e media con misa ao aire libre e sesión vermú amenizada polas gaitas e voces do grupo local Manaiela. A continuación haberá comida campestre. Miguel di que pretenden que despois sexa a xente a que faga a festa durante toda a tarde, «animándoa con cantos e bailes». A partir das once da noite a orquestra Fénix dará un novo impulso á parranda, que promete prolongarse ata ben entrada a madrugada. Durante as xornadas de hoxe e mañá haberá tiro ao prato. Os que queiran compartir esta xornada festiva nos Ancares, que a comisión abre «a todo o mundo», poden acceder desde a A-6 por Pedrafita, ou ben por Becerreá. O grupo Manaiela O grupo que amenizará a sesión vermú está formado polos irmáns Rodríguez González, naturais de Doiras. Dori, Lucía e Rodrigo interpretan versións de música tradicional en galego e portugués e temática de cine. Os artistas acompañarán as voces con guitarra española, clarinete, percusión e gaita. Entre outros temas porán en escena Lela (con letra de Castelao), Negra sombra (de Rosalía) ou a Lavandeira do norte . A parroquia de Doiras, no concello de Cervantes, é popularmente coñecida polo seu castelo medieval. A primeira casa foi construída no ano 1943 pola familia González, que ten hoxe un establecemento de hostalería. Quince anos despois comezaron a instalarse máis veciños e actualmente cóntanse unhas dez casas, algunhas das cales están deshabitadas. Doiras ten centro médico e colexio público, que prestan servizo á xente que vive no val do Cancelada, e é para eles un punto de encontro. É tamén cruce de camiños. Os veciños desta parte dos Ancares saen por aquí cara á autovía A-6 e O Portelo foi de sempre a entrada máis natural a Galicia.