Lúa chea e lumes

ADELA FIGUEROA

LUGO

TRIBUNA | O |

09 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O MARTES foi lúa chea. A mesma que alumea Galiza, Bretaña ou Líbano. Desde Bretaña unha fermosa noite de luar axuda aos labregos a recoller o trigo. Eles comparten ou alugan a maquinaria, polo que esta traballa de noite e de día. Unha boa distribución da función das terras fai imposible os incendios, cando estas se empregan en dar de comer ao gando e as persoas. No xornal do País, Ouest-France , leo: « En Galice, près de cent foyers, dont une quaranteine sous controle,etain recensés.La majorité de ces incendies sont volontaires ». Falan incluso de crime organizado. As terras abandonadas e as explotacións forestais de monocultivos (eucaliptus, piñais) sobredimensionadas fan que os bosques da nosa terra sexan bombas incendiarias fáciles de prender. Non é posible continuar coa política agrícola e forestal herdada de anos de abandono e de mala intervención do monte e das terras de labor. Sábese que a maioria dos incendios son provocados. Antes fórono por unhas causas e agora seranno por outras. (...) Nesoutro día, en Carnota, mentres cantaba María do Ceo, un estralo de bomba foi seguido aos poucos minutos dunha chama incendiaria no bosque. Pregúntome: ¿A quen beneficia esta onda repentina de incendios? Onte baixo aquel fermoso luar, pensaba que aquela mesma lúa non sería visible na miña terra oculta baixo imensas nubes de poeira que están facendo chover cinsa sobre as nosas cabezas e sobre as nosas almas. A única nube de pó que eu vía era a que levanta a terra ao segar os trigo. Sentín a choiva da cinsa destructiva. Quero enviar a miña solidariedade con todos os que están loitando contra os incendios. Temos que unir as forzas todas para loitar contra o lume e para evitar que isto volte a acontecer. Penas exemplares para os culpables, se se encontran, e política forestal racional que dificulte os lumes. Nunca Máis.