O bosque galego

MANUEL XOSÉ NEIRA

LUGO

BÚCARO DE VIOLETAS | O |

27 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

SE algo existe (fóra da presunta modernidade dos edificios galegos) en Galiza que dea xenio contemplar ou sentir é o bosque galego. O bosque en Galiza ten diversas maneiras de definición: en xeral é o mato, a matorreira, as matas, amatas. Pero existe unha longa ringuileira de denominación para a masa boscosa ou forestal: a devesa (terra defesa, defensa), a carballeira ou a belísima forma a fraga. As Fragas do Eume son o paradigma da masa boscosa de noso, dun ecosistema exemplarizante na vella Europa. O ecosistema natural de Galiza incardinado na vella e culta Europa. A fraga é a coordenación de nós con Europa. As Fragas do Eume cun mosteiro incluído no seu interior: o de Caaveiro, nada menos. Ferro Caaveiro foi o arquitecto que fixo a portada do Concello lugués. Ferro Caaveiro, Casas Novoa ou Nóvoa. En xeral, en Galiza o bosque era a carballeira, asi a secas. A carballeira. «O vello seco, sabio de chapeu pardo dixo: Carballos», digo nun poema. E a devesa pois é esa franxa de terreo que serve como terra defensiva, en xeral unha terra defensiva contra os islamistas. Terra defensa, a devesa, con v e non con b. A posible conservación dun só fricativo fronte ao betacismo. En xeral a conservación do bosque galego é tarefa prioritaria en Galiza. Na nosa Galiza interior. Fragas, carballeiras, devesas: o mato portugués. En Portugal o bosque é o mato. E alugados ou propietarios rurais de ollos azuis da sega dicían con xúbilo e alborozo: O mato. Segadores da bouza ou bouzón de afiadas fouces: O mato. Segadores de ollos azuis con anoraks pluviais, os novos ecoloxistas: O mato.