Baixou o paro, tamén acó

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

04 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A SORTE non é só do Goberno senón que a temos todos os españois. Grazas ás políticas de emprego, coa axuda das medidas fiscais aplicadas e ás costas doutras actuacións administrativas. Agora ben, non se esqueza que ren disto sería posible sen a iniciativa privada, o capital; que semella a gusto con este Goberno. Por algo xa se di que Zapatero fai política económica coa man dereita, e coa esquerda trata aquilo que se refire ás cuestións sociais. Cos datos do Inem, abril pasado converteuse nun deses meses que pasarán á historia das cifras do emprego. Unha desas datas inesquecibles para calquera ministro de Traballo que lle toque e mailos conselleiros do ramo beneficiados. O paro baixou en xeral en todo o Estado e tamén o fixo en Galicia. En Lugo, concretamente houbo 468 parados menos. Máis salientable é que a nosa comunidade foi a segunda de España onde se deu unha maior mingua do mesmo perante os derradeiros 12 meses, con 10.251 desempregados menos. Por sectores, como era de agardar tendo en conta a Semana Santa, baixou en servizos, pero tamén na construción, industria e na agricultura. ¿Isto quer dicir que o campo respirará? Nin sequera o feito de que nesta diminución do paro houbera un chisco máis para as mulleres cómpre pensar así, anque algúns motivos para a ledicia seica hai. ¿Será por iso que os sindicatos celebren máis ca reivindiquen? Porque se ben o número de desempregados segue a ser abondo -máis de dous millóns-, inda máis importante é, quizais, que estar cobrando ou ter un contrato non significa en absoluto recibir un salario digno e gozar, asemade, dun emprego estable. De todos os xeitos, con datos coma estes non me estraña que os conservadores non atopen outros vieiros có asunto territorial para facer oposición.