Entrevista | Xosé Anxo Lage Suárez O concelleiro nacionalista espera que o PXOM sexa modificado en profundidade e que se aprobe antes das eleccións, para evitar que o debate se centre só no urbanismo
15 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Con veteranía, dedicación e respaldo do partido acaba de superar un dos retos máis difíciles de calquera portavoz municipal: o debate dun plan xeral de urbanismo durante a fase de exposición ao público. O nacionalista Xosé Anxo Lage Suárez avisa ao goberno local de que o Plan Xeral de Ordenación Municipal non terá o apoio do BNG se non sofre profundos cambios ao fío da resolución das alegacións presentadas a este documento. Para o Bloque, o PXOM «é un plan xeral que parece que está feito contra os veciños». -É o primeiro plan xeral que non firma a dereita. ¿Pódese dicir que é un PXOM de esquerdas? -Foino no documento inicial, cando, no mandato pasado, nós estabamos no goberno. As liñas programáticas si que eran de esquerdas e por iso houbo acordo entón entre o PSOE e o BNG; as directrices que se marcaron para a redacción do plan si que eran verdadeiramente de esquerdas. Eran liñas deseñadas por un goberno progresista. Pero non se respectaron e o que debía ser un plan progresista converteuse nunha chapuza. Resultou un híbrido que o Bloque rexeita de plano, porque non mellora en absoluto o PXOU de 1991; é máis, nalgúns aspectos, é peor. - Queren cambios profundos, pero entón será necesaria outra exposición ao público... -Se o goberno local acepta tantas alegacións que cambie substancialmente o plan, si terá que ser exposto novamente. Nós queremos eses cambios, pero entón estaremos xa moi próximos ás eleccións municipais. -Nese caso, o debate electoral estaría especialmente centrado no urbanismo e moitos outros asuntos apenas merecerían a atención dos partidos... -Seguramente sería así. Pero sería responsabilidade unicamente do goberno local. Non é responsabilidade da oposición que se tardase tanto tempo na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Non sería bo para a cidade que na próxima campaña electoral todo o debate, ou polo menos gran parte, se centrase exclusivamente no PXOM. Por iso sería positivo que se aprobase canto antes. Non nos gusta o plan, pero tampouco queremos que o urbanismo sexa o único asunto do que se fale na próxima campaña. En todo caso, é unha responsabilidade do goberno local. -En caso de que non haxa outra exposición, ¿poderá estar aprobado a fin de ano como quere o alcalde? -Creo que os prazos van ser moi xustos. Vai depender do número de alegacións, do seu contido, de cantas se acepten. Vai depender moito do ritmo de traballo do equipo redactor o do departamento municipal de Urbanismo. -A estas alturas da tramitación, para os grupos da oposición xa pasou o traballo máis duro... -Si, foron dous meses de traballo duro, pero chegaron a pouco. Quero dicir que non puidemos chegar a todos os sitios. Participamos en máis de cincuenta reunións, ás que asistiron unhas tres mil persoas. A maiores, están as alegacións que tramitamos ao marxe desas reunións. Desde ese punto de vista temos a satisfacción do deber cumprido. Creo que fixemos un traballo serio, rigoroso, encamiñado a informar á cidadanía. Paréceme que o Bloque fixo un bo traballo de oposición. Nas nosas alegacións incluímos moitas das presentadas polos veciños, porque este é un plan que parece que está feito contra os veciños. -¿Que faría vostede que, ao seu parecer, non fixo o goberno local que preside López Orozco no proceso para aprobar o PXOM? -Se dependese de nós, o xeito de andar o camiño sería totalmente distinto. Precisamente este documento é unha das consecuencias da nosa saída do goberno municipal. Primeiro, habería moita máis participación da cidadanía, porque escoitariamos a partidos, asociacións, colectivos profesionais, etcétera. Ademais, baixo ningún concepto permitiriamos expoñer ao público un documento con tal cantidade de erros como ten este. É malo para os redactores, para o goberno local e, aínda peor, para o Concello de Lugo. Hai nisto unha clara responsabilidade do concelleiro de Urbanismo, porque o seu departamento é o que ten a obriga de detectar os erros. Por suposto o modelo de cidade do Bloque Nacionalista non coincide co deste plan xeral. -O urbanismo non era un dos asuntos dos que se ocupaba antes de asumir a portavocía do grupo. Supoño que foron un par de meses difíciles. -Certamente requiriu certo esforzo, si, pero contei coa inestimable colaboración dun equipo de traballo que me asesorou en todo momento. Mención especial merece a persoa que me acompañou a todos os actos, a responsable local do Bloque Nacionalista Galego, Paz Abraira, que foi na que recaeu o traballo principal do plan. Fixo un magnífico labor. De feito, recibo moitas chamadas de veciños que viven nos barrios da cidade que nos felicitan polo traballo realizado neste tempo. O recoñecemento debe ir principalmente para Paz Abraria, o meu traballo foi de portavoz.