Crónica | Unha biografía a recuperar O investigador Ricardo Polín prepara un estudo e recompilación da obra completa do poeta nado na Pastoriza e falecido prematuramente en Tetuán, en 1957
06 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O peso e paso do tempo, as figuras indiscutibles dalgúns intelectuais de posguerra ou a morte prematura teñen no pozo da memoria a varios poetas e escritores galegos que grazas ao traballo dos investigadores comezan a saír. O investigador Ricardo Polín vén traballando nos últimos meses nun deses persoeiros a recuperar. Trátase de Manuel María González, que asinou os seus primeiros escritos e colaboracións co pseudónimo de Juan d'Hermida. Nado en San Cosme de Piñeiro (A Pastoriza) en 1924 e falecido en tráxicas circunstancias en Tetuán, nun accidente de moto, en 1957, con só 33 anos. María González estivo, como lembra Polín, «estreitamente vinculado á cidade lucense, a quen consagra algunhas das súas máis floridas prosas, creando un amplo círculo de amizades na urbe amurallada». Durante a súa estadía madrileña intégrase no grupo literario Vuela , visitando con asiduidade a tertulia do café León. Logo foi funcionario do Banco de España en Barcelona e Tetuán. Na capital catalana foi bibliotecario do Centro Galego, baixo a presidencia do poeta ourensá Manuel Casado Nieto, «desenvolvendo unha prolífica actividade intelectual como conferenciante e dinamizador cultural», lembra Ricardo Polín. Especialista Juan d'Hermida especializouse en autores galegos como Noriega Varela, Blanco Amor, Valle Inclán, as figuras do Rexurdimento e os poetas cataláns dos cincuenta. Ben pronto, sinala Polín, «propúxose escribir unha triloxía poética recollendo a impresión do poeta ante a contemplación do mundo, cun predominio de Galicia como sentimento, a quen invoca reiteradamente». Declarouse partidario da poesía lírica de orixe autodidacta, recoñecendo a súa débeda coa lectura intensiva de Machado, Valle e Salinas, entre outros. Sobre os galegos, destaca Polín, manifestou a súa admiración polo seu poeta homónimo Manuel María, a quen coñeceu, así como por Pimentel, Alvariño, Leal Ínsua, Díaz Jácome, Ángel Johan ou Luz Pozo. Na súa produción poética cóntanse sete poemarios El hombre y las cosas e os inéditos El hombre y su vida , El hombre y el infinito , Versos sentimentales , Poemas bárbaros , Sensaciones e un máis intitulado. Polín editará pronto unha edición crítica e de estudo sobre a súa figura e a súa obra completa, que tamén inclúe uns 200 poemas dispersos. Con este volume, o investigador lucense dá continuidade a unha triloxía iniciada a mediados dos noventa con libros sobre Xosé Crecente Vega, catedrático e ilustre latinista, e Francisco Vega Ceide, Francisco de Fientosa , asasinado en 1936. Ambos eran de Castro de Rei. Ricardo Polín destaca que os tres autores chairegos tiñan un alto nivel cultural e educación universitaria, «cun declarado amor ao país galego e á comarca, todos eles con formación e orixe campesiña, con paixón polas artes, o cinema e o xornalismo», sinalou o investigador.