NO OUTEIRO | O |
19 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.REFERÍNDONOS á pedofilia, talvez mellor ca pór cualificativos sexa a definición que dá o dicionario: Atracción sexual polos nenos. Que xa di abondo, non é? O perfil social tan variado dos 33 detidos na última operación policial contra a distribución de pornografía infantil por internet -entre os que hai eles lucense de Alfoz, de 39 anos e reincidente- amosa que non convén poñer marcas. Lembremos que entre os identificados atópanse por igual a profesores cá administrativos, a un médico cá un cura, etc. ¿Que facían? Maiormente entraban en páxinas web onde se ofrecía ese contido, pagaban coa súa tarxeta de crédito e vían ou baixaban o que de todo punto debe ser rexeitable. Tamén porque coa súa conduta estaban axudando a financiar aos delincuentes que crean, difunden e fan negocios deste tipo valéndose da tecnoloxía que teñen diante seu. Non deixemos a carón senón ben á vista, o sufrimento e as secuelas que han padecer perante o resto da vida os cativos sometidos a unha vexación coma esa, un feito ou un contido polo que algúns incluso pagan. Din os expertos que menos dun dez por cento dos pedófilos sofren trastornos psicopáticos. Isto é, que a maioría sabe ben o que está a facer; que é consciente de que comete un acto reprobable socialmente. Un delito. Disque, asemade, que son xente totalmente integrada na sociedade. Resulta ridículo, polo tanto, asocialos a un tipo raro, solitario ou con ganas de exhibirse en público. Se faláramos de exhibicións... Así que mellor ha ser quedar cos resultados das investigacións policiais, que nos últimos dous anos acadaron deter a 16 galegos implicados en asuntos relacionados coa pedofilia. Nalgúns casos grazas á colaboración cidadá, porque neste coma no resto de delitos é sempre fundamental.