DESDE EL ADARVE
17 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.SER PEÓN nunha cidade como Lugo estase a convertir en algo perigoso. Dense un paseo pola tristemente famosa curva da ronda da Muralla onde perdeu a vida María, esa rapaza que tivo a mala sorte de toparse con algúns dos vehículos que a diario circulan por esa zona a moita velocidade e sen que se tomen medidas. O edil de Protección da Comunidade presenta hoxe unha campaña para evitar os atropelos. Esperemos que dean efecto as medidas propostas e non sexan máis cantos ao aire, como o de controlar os escapes libres das motos, o uso do casco ou do cinto. A citada curva, onde por certo hai unha parada do bus moi concurrida, segue a ser moi apreciada polos frustrados pilotos de carreiras. É curioso ver como o Concello monta bandas rugosas en zonas onde dificilmente se pode ir a máis de 40 por hora (na ronda do Carme, fronte a Mercadona) e hai outras que son altamente perigosas e sen control. Seguro que todos sabemos eses lugares: ronda da Muralla (na baixada do Carme), Fonte do Rei, Fonte dos Ranchos, ronda de Arxentina, ronda de Fingoi, Fontiñas ou Magoi.