O futuro centro da romanización centrou o debate dos arquitectos

La Voz LA VOZ | LUGO

LUGO

ÓS CAR CELA

Membros do COAG piden ao Concello, empresarios e cidadáns que participen nas propostas Enrique Sobejano explicou a súa experiencia con proxectos coma un museo en Córdoba

02 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Enrique Sobejano, arquitecto e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, pronunciou onte unha conferencia na sé do Colexio Oficial de Arquitectos de Lugo na que a xornada estivo dirixida especialmente a tratar sobre o futuro Museo da Romanización de Lugo. Sobejano subliñou pouco antes da súa intervención que estamos nunha época con moitos proxectos de arquitectura contemporánea que actúan sobre o patrimonio histórico. «Trátase -dixo o conferenciante-, de ver cómo dialogamos coa arquitectura existente». Neste senso, dixo que non hai solucións únicas e que o reto de Lugo está no seu pasado romano, que ten presenza visible e por si mesma sería moi importante. Para respectar o pasado, cada proxecto ten que ser particular, subliñou, recordando o seu traballo no Museo de Medina Azahara en Córdoba que puxo en valor o pasado hispano-mulsumán da cidade. Para despois da conferencia estaba prevista unha mesa redonda coa participación de Federico Garrido Villa, subdirector xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, e Juan Creus, arquitecto e profesor de Arquitectura na Coruña. Os temas principais a desenvolver, segundo fontes do Colexio Oficial de Arquitectos, eran os contidos que se lle ía dar ó museo da romanización de Lugo, e sobre todo a ubicación do mesmo xa que agora, estiman, a exposición de restos arqueolóxicos en Lugo resulta moi dificultosa e falta o apoio da Administración. O arquitecto Alberto González cre que «ao mellor a nivel de restos arqueolóxicos Lugo podería estar a nivel de Mérida e ista riqueza patrimonial seriviría para a dinamización e impulsión da cidades, pero os lucenses teñen que implicarse nela». Outros membros do COAG critican a actual situación urbanística de Lugo, «unha cidade metida nunha situación legalista e de mancha e borrado que non permite o axeitado desenvolvemento da cidade», segundo dixeron. Cren que o sector público está deixando a iniciativa en mans privadas pero agora co novo Plan Xeral de Ordenación Urbana ábrese unha oportunidade. Recordan que coa iniciativa destas xornadas de Arquitectura e da colaboración do COAG e a Escola Técncia Superior de Arquitectura, hai 15 propostas, proxectos gratuitos feitos polos alumnos para reflexionar sobre o centro da romanización e outros plans. Cren que o Concello de Lugo debería telos en conta, ao igual que os cidadáns e empresarios.