O espello dos irlandeses

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

26 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

VÉN DE celebrarse o Día de Internet. A data debe servirnos para reflexionar. Mellor aínda, sirva o día de onte para lembrar que son moitos os fogares lucenses que aínda non dispoñen de acceso á internet. Porque unha cousa é non querer e outra non poder. No rural, as liñas TRAC non só impiden o acceso á rede senón que ofrecen unha pésima comunicación telefónica. Contareilles unha anécdota ocorrida hai pouco. Primeiro, para dar comunicado tiven que marcar media ducia de veces. O peor foi que unha vez establecida a comunicación o ruído de fondo non permitía ouvir. Inda por riba, por entremedias podía escoitábase a conversa doutros dous alleos a nós. A verdade é que non era para menos pero a miña interlocutora non sabía máis ca queixarse. «Se non amañan isto dunha vez darei de baixa o teléfono», sentenciou. ¿Falamos agora da converxencia tecnolóxica? A cousa está así. Non ha de sorprendernos, polo tanto, canto do nós reflicte un informe da propia Telefónica. Asegura que o 83% dos fogares galegos non teñen acceso á rede; que imos sete puntos por baixo da media estatal e que só un 35% dos nosos fogares dispoñen dunha computadora. Talvez, efectivamente, esta parte de Europa sexa onde menos aumenta o número de usuarios -disque é un 3% inferior á do resto de España-, pero digo eu que algunha resposta había ter que dar tamén esa devandita empresa. Lembremos que até non fai moito era pública e se cadra vive dos réditos daquel privilexio. ¿En que e onde inviste os seus gananciais? E dito isto, fagamos máis todos. Por descontado as institucións e organismos públicos e privados. Non só abondan os propósitos, abarátese e universalícese a internet. ¿Queremos que Galiza acade o desenvolvemento provocado nestes anos en Irlanda? Pois ánimo que aínda nos queda o camiño dun can.