O amigo de Támoga

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

18 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HAINOS que nacen con estrela e hainos que as circunstancias convértenos en estrelados. ¿Cantas veces non oirían algo así? A bo seguro que moitas. Acabamos de saber que nese grande caixón dos estrelados está tamén este noso amigo de Támoga, a que lle chaman, quizais como quen aplica un ferro quente no lombo, O Mudo. A historia ao detalle puidérona ler onte nesta mesma edición. Lémbrolles que se relataba o suceso dunha persoa (xordomuda) que ingresada no hospital, sen dar aviso a ninguén nin sequera quitar o pixama, decidiu abandonalo a pé, disque para coidar as ovellas, que quedaran soas. O home andou varios quilómetros e sen conseguir o seu propósito volveu caer na cuneta, suceso que provocou o seu reingreso hospitalario. Historias así nunca deixarán de sorprendernos, pero ocorren con frecuencia. Agora ben, despois da crónica dos feitos, fanse convenientes outro tipo de reflexións. Por exemplo, de non telo feito antes, a estas horas os servizos sociais do concello de Cospeito (ao que pertence o noso amigo Xaime) deberan estar xa preocupados e mesmo pensando nalgunha axuda que xustifique os orzamentos en materia de asistencia social.