DESDE EL ADARVE
02 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.XA o fixen noutras ocasións e volto a facelo unha vez máis. Quero comunicarlles a chegada do cuco. É unha nova a que moitas veces resulta difícil buscarlle acomodo nos medios de comunicación, cheos de acontecementos maiormente tráxicos, pero como vén aínda queda algún buratiño. A chegada deste paxaro preguiceiro aos outeiros de Terra Chá, e tamén doutras comarcas da provincia, marca definitivamente a chegada da primavera. A arribada do cuco aínda segue a ser un acontecemento para moitos habitantes do rural lugués que, a mediados de marzo, xa empezan a preguntarse se alguén sentiu as cucadas. A súa presenza é unha boa nova porque, xa saben, non corren bos tempos para a bichería que paga as consecuencias do home que, pouco a pouco, vai arrasando todo o que atopa ao seu paso. Xa saben que o cuco marchará cando vexa os primeiros medeiros.