Isidoro Rodríguez, defensor da cultura

| MARÍA CARAVEL |

LUGO

A PASADA fin de semana, nun hotel dos arrabaldos da cidade da Coruña, ó remate dunha cea organizada pola asociación cultural Irmandande Moncho Valcarce, e na que participaron 140 socios e amigos foron entregados os diplomas e bustos coa figura de Moncho Valcarce que na súa honra e lembranza se veñen outorgando a persoas e colectivos que destacan especialmente polo seu labor de promoción da cultura e defensa da terra. Nesta decimosegunda edición acadaron os premios Promoción da Terra, Isidoro Rodríguez Pérez, fundador da Asociación Cultural María Castaña de Lugo; e o da Defensa da Terra ao Colectivo Obradoiro da Historia de Ordes, na provincia da Coruña. Despois da lectura da acta da concesión dos premios e dun resumo dos méridos dos galardoados, foron entregados os premios e diplomas aos que lle segueron unhas verbas dos homenaxeados e doutras persoas e grupos que desexaron participar. De seguido, celebrouse unha sinxela, garimosa e moi sentida homenaxe póstuma ao poeta Manuel María, un dos premiados nas primeiras edicións, e amigo de Moncho e da Asociación. Entregóuselle un ramo de frores de parte da asociación, e unha rocha (coa figura de Moncho) feita oplo Grupo de Ecoloxistas das Pontes, á súa viúva Saleta. Entre os asistentes, ademais dos amigos de Moncho e da Asociación, estaba varios dos premiados en edicións anteriores. Xulio Xiz Ramil, que cantou as marabillas de Isidoro Rodríguez, fixo tamén alusión á rica participación en presenza de persoaxes de Lugo premiados noutras edicións como foron o propio poeta Manuel María, Isaac Díaz Pardo, creador da actual fábrica de Sargadelos; Alfonso Blanco de Guitiriz, Gandoy (o cura da bicicleta), Mero e Mini, Marisol Bravos, os do Encoro de Navia e Xesús Mato, que ademais nos facilitou esta información. Tamén estiveron na xuntanza o escritor Manolo Rivas e o músico Xurxo Souto.