Póntelo, pónselo

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

28 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NON é novo. O arriba titular foi o lema dunha campaña de concienciación social do goberno de González. Unha campaña que causou malestar nos sectores máis conservadores. Díxose daquela que con tal motivo animábase á xente, digámolo así, a consumir sexo. Máis aló dos lemas, a realidade amosa verdades tales como que o non usar preservativo -unha opción persoal e respectable inda que arriscada-, é unha das causas dos embarazos non desexados, da propagación da sida, etc. ¡Na que se meteu o portavoz da Conferencia Episcopal logo de se entrevistar coa ministra de sanidade! Un día que si e ao outro que xa non era moral o uso do preservativo. Agora ben, a guinda púxoa Fraga ao informarnos diante das cámaras que nin se empregara con condón nin pensaba facelo no que lle quedaba de vida. ¿E nós que nos conta? O que queremos saber os galegos é cales son os réditos do seu goberno no desenvolvemento da agricultura e pesca galega; qué políticas se seguen para darlle forza ao sector lácteo; canto gasta a Xunta en publicidade, a canto ascende a débeda da TVG e como está o tema do financiamento das universidades. É un exemplo. Do outro..., ¡alá el!