Entrevista | Henrique Alvarellos Tras a recente publicación dun libro dedicado a súa cidade natal, Lugo, agora sae a rúa outro no que recolle un cento de singularidades existentes en Galicia
20 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O xornalista lucense Henrique Alvarellos botou dez anos recollendo datos a tempo parcial para Galicia en cen prodixios , libro que o xoves vai presentar ao público na sala Sargadelos, ás oito da tarde, acto ao que seguirán outros pola Comunidade. -Temos prodixios naturais, culturais, industriais e ociosos. ¿Temos o mellor do mundo? -Non se fala de prodixios como a árbore máis vella ou o monumento máis antigo de Galicia, senón de algo que creo que é de máis relevancia, como os feitos desde o punto de vista arqueolóxico, monumental, natural ou da enxeñería moderna, e incluso urbanísticos e empresariais nos que a nosa terra é única no contexto internacional, europeo ou, como moi pouco, español. O que se conta no libro ten esa magnitude. -Cen casos dan para falar de todo. -Si, dende os monumentos máis coñecidos, como a Muralla de Lugo, ata curiosidades que coñece moi pouca xente, como os fentos xigantes descubertos no ano 2002 en Oia, que en estado silvestre non se teñen atopado en ningún outro lugar do planeta; ou que a ponte romana de Ourense ten o arco de maior luz e dimensións de todas as pontes que fixo o imperio romano; ou que un dos carballos de maior perímetro de Europa está en Carballedo; ou que un dos máis voluminosos de España está preto de Ombreiro, en Vilalbite; ou xa curiosidades como o Maradona de Viveiro, que aínda hoxe ten o récord do mundo en control dun balón; ou a zona de Pedrafita, na que a autovía foi a obra de enxeñería civil máis cara de Europa. -¿Hai unha versión máis doméstica ou humorística como a col máis alta ou o pepino máis grande? -Non. O libro non vai por aí, aínda que podía ser a versión retranqueira, se ben hai casos que tamén teñen a súa. -¿En que quedamos, os galegos somos choróns ou ególatras? -Somos descoñecedores do que temos debaixo dos pés, e somos un pobo que ten unha autoestima bastante pequena. Pero cando estamos fóra do país agromanos un orgullo do noso que aquí parece que o temos dormido. -¿Os datos que recolle no libro son todos constatables e científicos ou hai algún «á vaiche boa»? -Son todos científicos. Cada capítulo ten un experto que fala do tema ou que o cito a el ou o seu estudo. Por exemplo, para o que dedico aos mellores bosques de acivros de Iberia, que están nos Ancares, falei con Xurxo de Vivero, que é un experto nesa zona; para o da ferrería de Seoane do Courel, que é unha das máis grandes da Península, falei co historiador Clodio Fernández, que fixo un estudo a fondo. Eu son Xornalista e non son especialista en ningún capítulo, por eso busquei o refrendo dos que o son. -¿A quen lle debemos tanta variedade de prodixios, a deus ou aos elementos? -Na introducción do libro cito a Otero Pedrayo, que di: «So nas beiras atlánticas poden vivir os pequenos pobos, ceibes, quizais precisamente por estar no centro das correntes do mundo». Nós estamos nunha esquina, nunha periferia, pero según para onde. É dicir, estamos na periferia de Madrid pero ao mellor estamos no centro do mundo en outro tipo de corrente. Somos un cacho de Europa que condensa unha serie de singularidades e autoorgullos enormes, tanto desde o punto de vista natural, con bosques únicos, quizais por esa circunstancia de aillamento secular, como desde o arqueolóxico, por exemplo, coa maior concentración de petrogliflos do continente, ou a vía romana que máis miliarios conserva, das máis de 300.