Protagonista | Tereixa Ledo
05 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Ledo defende un traballo agrario vencellado coa terra Tereixa Ledo é de Chantada e vive en Ordes. Pero entre a súa orixe e a súa situación actual houbo un lugar -a parroquia de Romariz, pertencente ao concello de Abadín- e un tempo -unha estadía de varios anos- que lle deixaron unha fonda pegada. A súa formación académica e as súas experiencias persoais sérvenlle para analizar situacións como a que se produce na comarca onde viviu varios anos. Por iso pasou onte por Vilalba, xa que pronunciou a primeira conferencia do congreso cultural da Terra Chá que organizan a Fundación Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos. A intervención tivo lugar no Muíño do rañego, edificio que trae lembranzas de costumes xa desaparecidos e que o Concello de Vilalba rehabilitou nos últimos anos. Falando antes da conferencia, Ledo afirma que lle interesa ofrecer un marco que valla «para abrir horizontes novos, para ver máis alá e atopar realidades que nos indiquen posibilidades de futuro». Ese futuro conéctase cun pasado. Para ela non hai dúbidas sobre o punto de partida: «As nosas raíces están na terra, na aldea», di. Non esquece o tempo que pasou nesa zona de Abadín nin a maneira de vivir que predominaba: «Atopei unha xente que tiña tempo para parar a falar, que conservaba as tradicións do Entroido...», lembra. E completa os trazos cunha descrición tan importante como as outras: «Estaban aínda pouco contaminadas de maneiras produtivistas», engade. Pero tamén critica o fenómeno «dos anos setenta e oitenta», cun modelo de desenvolvemento ao que lle pon o adxetivo de «neoliberal» e que supuxo un cambio non só económico. Traballar sen explotar A Tereixa Ledo gústalle pouco que ás propiedades agrarias e gandeiras se lles chamen explotacións, porque a palabra parécelle sinónimo de sistemas intensivos, só preocupados pola produción e alleos á terra. Fala máis ben dos labregos que tiñan sentido dos ciclos agrarios e que sentían aprezo polos animais. Pero se pasamos do pasado ao futuro, ¿teñen futuro as zonas rurais? Ela cre que poden xurdir e medrar alternativas de desenvolvemento; e pon exemplos de lugares de Galicia que coñece, como Arzúa ou Ourense, nos que se dan eses casos. Son -di- maneiras de traballar que se vencellan coas tradicionais. De todos os xeitos, ese fenómeno que recupera ou impulsa actividades agrarias tamén vai acompañado, nalgúns casos, de experiencias persoais: xentes que, como di Ledo, deixan as cidades para vivir no campo. O fenómeno é minoritario aínda, pois nas comarcas rurais, e A Terra Chá é unha delas, a poboación vaise concentrando en vilas e cidades pequenas. ¿Pode corrixirse a tendencia? «O futuro -di- vai depender de nós». E nese plural entran os poderes públicos e a sociedade, aos que lles corresponden tomar decisións e adoptar posturas que decidan o futuro nun sentido ou noutro. Poemas ao remate Entrementres, o congreso segue hoxe, dunha maneira itinerante que xa se ten convertido nunha das súas características principais. Pola mañá teñen lugar dúas conferencias na casa da cultura da Pastoriza -interveñen Antonio Fernández Oca, técnico da Consellería de Política Agroalimentaria, e Ramón Muñiz, sociólogo- e pola tarde, unha no centro sociocultural de Rábade -fala Lidia Senra, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego-. No medio haberá un xantar nun restaurante de Outeiro de Rei. Despois, rematadas as ponencias, no campo de Santa Isabel de Outeiro de Rei, haberá unha lembranza de Manuel María na que se lerán poemas seus.