Para facer experimentos

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

02 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ACORDEIME dun que admirabamos todos os lectores deste xornal. De Carlos Casares. A razón foi que o domingo vin algo que me fixo lembrar o que lera nasa escolla que hai pouco editou La Voz baixo o título: Carlos Casares. 100 artigos . A miña memoria é moi selectiva, pero nisto non acostuma a fallar. Seguindo o documental, vin como dende unha avioneta botaban cousas e fumigaban ó campo. Ipso facto acordeime dunha columna súa que busquei. Publicárase no ano 1997 baixo o título Facer experimentos . Casares relataba alí un espertar no medio «dunha invasión de formigas con ás». Sorprendido, quixo obter axiña unha explicación. Suponse que entendible. Así que preguntoullo ó albanel que tiñan na casa. Este respondeu, categórico, que as formigas tirábanas dende os avións. Co terríbel engadido aquel de: «É para facer experimentos». O tipo afirmaba incluso telo visto, igual que na Poboa mantivo sempre O'Pacarrucho. Un empregado da Renfe que se deixou fotografar cun dos escaravellos que, segundo el, botaran derriba. Brillante, Carlos Casares remataba a columna cun: «non quixen saber máis». ¿Será que só uns ven o que outros preferimos non saber?