Nas fabas de Lourenzá

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

08 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

BAIXO dun sol de xustiza, temperatura agradable e arrodeados de fabas -boísimas-, onde podíamos estar mellor que en Lourenzá. Cada ano hai máis xente, comentaba un matrimonio apurando sendas cuncas de fabas na praza Linares Rivas, diante do fermoso Mosteiro de San Salvador. Na Festa da Faba, habíaas con ameixas, carne, berberechos e verdura. Variedade había e habendo boa materia prima... Quen se achegou a fin de semana pasada até esta fermosísima terra lucense, pola que ademais atravesa o Camiño Norte, non só tivo a oportunidade de saborear o seu produto máis sobranceiro, as fabas, senón que incluso podía mercalas. A sete euros valían as de Lourenzá e a dous cincuenta as de facer o caldo, que son moito máis pequenas. Agora ben, non só de comer vive o Home, tamén precisa de falar. E fíxeno cun bo cesteiro da zona que traballa con vimbio e fai os cestos con dobre cruz. «Porque son máis seguros», sinalou. Queixábase de que o ano pasado vendera 27 e neste nin a metade. «Pero vexo que todos se queixan», engadiu. Deulle no cravo a señora que non daba vendido as castañas (a 2,50) e dixo que o problema estaba en que non había cartos.