Barro data para o 2005 as obras do centro científico da USC no Courel

Francisco Albo
Francisco Albo FOLGOSO DO COUREL

LUGO

? reitor da Universidade de Santiago (USC), Senén Barro, afirmou que as obras de construción da estación de bioloxía de montaña de Seoane do Courel comenzarán «con seguridade case absoluta» o ano próximo, a pesar de que aínda non se concretaron as achegas económicas que a Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio de Medio Ambiente farán a este proxecto. Barro fixo estas declaracións no centro multiusos de Seoane do Courel, onde está reunido -onte e hoxe- o consello de dirección de universidade, para planificar as actividades do novo ano académico e diversos proxectos que a universidade ten previsto promover nun futuro próximo. A presenza do consello reitor no Courel, segundo explicou Barro, supón un «recoñecemento simbólico» do apoio que o Concello e os veciños do Courel teñen prestado ao proxecto da estación biolóxica desde que foi dado a coñecer. O alcalde do Courel, José López Fontal, deu a benvida aos responsables universitarios e anunciou que o Concello achegará en torno a 60.000 euros para o financiamento das obras. Esta cantidade sumarase á subvención que ten previsto conceder a Asociación Río Lor e que se elevará ao menos a 150.000 euros. Polo que respecta ao financiamento do proxecto, o reitor expresou a súa confianza en poder conseguir en breve prazo todos os fondos necesarios. «Ademais das subvencións da consellería e do ministerio esperamos conseguir axudas doutras fontes e creo que podemos ser optimistas en canto ao resultado que terá esta participación múltiple», dixo. «O importante é que xa contamos con todas as licenzas administrativas precisas para iniciar os traballos de inmediato e que tamén dispoñemos dun solar adecuado, grazas á xenerosa cesión de terreos que fixeron no seu momento nos os veciños de Seoane, unha actitude que é absolutamente inusual tanto en Galicia como en toda España», engadiu Barro. O primeiro proxecto da estación de bioloxía de Seoane xa fora presentado no Courel porlo anterior reitor da Universidade, Darío Villanueva. Estaba previsto a construcción no 2003 pero cambiouse o proxecto e houbo problemas de cartos.