Crónica | Finou o poeta de Terra Chá A Fundación Manuel María prepara a edición de libros sobre o poeta chairego, mentres que os concellos de Lugo e Outeiro de Rei declaran hoxe día de loito oficial
09 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Con Manuel María vanse moitas ilusións para unha comarca coma a chairega, que no ano 1929 veu nacer ao autor do poemario Terra Chá , o seu libro de máis sona. Para recoñecer a importancia da súa obra e da súa traxectoria naceu hai tres anos a Fundación Manuel María, que hoxe coordina o crego e intelectual Alfonso Blanco. Este colectivo traballou da man do poeta ata o seu último día e, agora, na distancia, a fundación programa para o día 17 a presentación do libro Ás catro augas, da que é autor Xoán Neira e ilustrador Otero Regal. O escritor finado é o prologuista desta obra que mereceu o galardón literario do Concello de Vilalba. A presentación terá lugar no Muíño do Rañego, sede da fundación que nos últimos anos se encargou da edición de varios libros dedicados ao escritor nado en Outeiro de Rei. Fixo falta reunir a máis de cen creadores para editar a publicación Manuel María , de 400 páxinas e que se divide en tres partes: a vida, a obra e a súa terra. A esta seguiríalle Bibliografía de Manuel María . Camilo Gómez Torres, o maior estudoso do escritor, é tamén autor de A Terra Cha na poesía de Manuel María . O coordinador da fundación, Alfonso Blanco, recoñecía onte que a fundación ten en mente editar outra publicación sobre a narrativa e o xornalismo na obra do chairego, ademais de dous cadernos que se distribuirán nos colexios da comarca, con debuxos e fotos. Desde este colectivo xa estudan a posibilidade de reeditar a primeira das obras, xa que está case esgotada. Fillo predilecto Tras coñecer a nova do falecemento do poeta, o Concello de Outeiro de Rei declarou un día de loito oficial, mentres que desde o BNG local aseguran que insistirán en reclamar a declaración municipal de fillo predilecto para o intelectual. A última proposta foi prantexada onte polo edil Xoán Manuel Tubío. Os restos mortais do intelectual chegarán hoxe pola tarde á capela de Santa Sabela, situada á beira do seu querido río Miño. A continuación, serán traslados ao cemiterio vello, ao nicho onde repousan moitos dos seus. Alfonso Blanco lembraba onte que a última vez que Manuel María acudiu a un acto organizado pola fundación que leva o seu nome foi en outubro do ano pasado. Daquela, Manuel María participou nun acto ao aire libre que tivo lugar na lagoa do Ollo de Begonte. Os achaques de saúde non lle permitiron tampouco acudir ao Festival de Pardiñas deste presente ano, sendo a primeira vez que Manuel María se ausentaba de este acto. «Era toda unha institución nesta cita», insistiu Blanco, quen recorda que o principal obxectivo que ten agora a fundación é o de convidar ás persoas a seguir lendo os seus traballos. Manuel María estivo moi vinculado a Lugo capital, onde estudou o bacharelato e viviu moitos anos de xuventude co seu tío cura, o párroco da Milagrosa. Foi en Lugo onde comezou a súa andaina literaria, publicando os seus primeiros versos e trabando fonda amizade cos escritores da época, como Pimentel, Fole ou Uxío Novoneyra. Foi tamén dende Lugo onde promoveu a revista de poesía Xistral , que nos últimos años foi recuperada e editada polo Concello. A súa vinculación coa capital lucense continuou, ata o punto de dedicarlle una composición: Oda á cidade de Lugo . En 1996 foi o encargado de ler o pregón das festas de San Froilán Os tres grupos políticos da corporación municipal acordaron declarar hoxe día de loito, e as bandeiras da Casa Consistorial ondearán a media hasta.