Cando a memoria é cativa

| SUSO VARELA |

LUGO

DESDE EL ADARVE

12 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

PUIDEN gozar estes días dunha tarde nesa marabillosa área que nos regala a natureza denominada Penas de Rodas. Sendo como é un lugar sinxelo, tamén un se dá conta cando o visita que non está nun espacio calquera. Polos penedos que xogan co equilibrio, pola tranquilidade que se vive no entorno, polas belas vistas da Terra Chá, e pola sensación de pequenez na que se queda un ante este lugar, xa merece a pena ser conservado. Na mesma entrada hai un poema de Manuel María no que amosa o seu cariño por Penas de Rodas. O día que estiven, diante dos versos do poeta, escoitei o comentario que fixo unha persoa que acudira con outras tres. Queixábase que non estaba escrito en «cristiano». Non so desprezou ao galego, senón que ademais non tiña en conta que gracias a poemas como o que leu existen lugares como Penas de Rodas. De non ser así, ao mellor esa persoa tería alí un eucaliptal.