Pobres farois

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

06 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

APELO A súa memoria para referirme á película Os luns ó sol . Lembrarán a teima de Barden por non pagar o farol que apedrara no transcurso dunha manifestación contra do peche dos estaleiros. Ó final, como saben, tivo que achantar, anque tomándose a súa particular vinganza para sentirse ben. Por non enfastiar ós que agardan á Semana Santa para estrear o deuvedé, non desvelarei máis. Pero se ata o de aquí falabamos do arte do cine, non se pode catalogar coma tal o que fixeron uns exaltados da factoría que Izar ten en Cadiz. Seguro que mesmo algún dos que empregou o tiracoios -trebello do que precisamente trataba o último coleccionable do libro dos xogos populares que distribúe La Voz- sentiuse Santa a personaxe que encarna o actor. Pero claro, unha cousa é a ficción e outra distinta a crúa realidade. Hai quen non sabe distinguir e por iso algúns emprendérona a coios cos farois. Imaxes que ó final pasearon por tódalas redaccións informativas cando, en verdade, ese espacio debera ser para os que souberon quedar alí onde o dereito a manifestarse amparábaos: tras da pancarta. Agora, o que romperon uns, pagarémolo entre todos, incluídos eles.