DESDE O ADARVE
19 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.OS DA PLATAFORMA Nunca Máis andan algo rebotados porque non puideron entrar na programación do San Froilán, as festas populares máis importantes de Galicia. Propuñan dedicarlle un día ó mar e montar unha mostra permanente de embarcacións e materiais mariñeiros, ademais de actuacións musicais con grupos do litoral galego. Parece que non puido ser e láianse de que así, o San Froilán non gaña nada, mais perde algo. Parece que hai gañas de pasar folla coa negrura, a pesar dos miles de toneladas que seguen no mar e as pintiñas que a cotío nos recordan en Barreiros, Foz e outras praias, que o chapapote segue aí. Debemos estar nesa fase na que xa o fuel só é arte nalgunhas conciencias. Xa non da para máis libros e exposicións. A partir de agora as irisacións e os voluntarios só son figuriñas en praias esplendorosas a vista de helicóptero, canto máis lonxe, mellor.