Entrevista | Julio Agrelo Trigo
08 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?ulio Agrelo Trigo e a súa dona Marisa son uns dos case cen mil lucenses que colaboraron -agora os seus netos xa son maiores- cos fillos nos coidados dos seus pequenos. Tres dos catro que teñen seguen vivindo no mesmo edificio e teñen na casa de Julio e de Marisa a súa segunda residencia. -Axudamos no que puidemos ós fillos porque houbo que facer fronte a moitas situacións. Os netos aquí comeron, durmiron e estiveron anos e anos. Sobre todo tres deles que viven no mesmo edificio. -¿É certo iso que se di que os avós disfrutan máis dos netos que dos fillos, ou os netos só dan traballo? -Cos fillos estabamos traballando, e ademais os dous, e amañamos como puidemos. Eu cando chegaba á casa tíñaos a todos sentados xa na mesa. Os netos pilláronnos máis desocupados e a relación con eles é moi diferente. A responsabilidade con uns e con outros tampouco é a mesma, nin os tempos son como os de antes. -¿Axudáronlle a vostede os sogros e pais? -Miña sogra morreu nova. Miña nai algo nos axudou, pero o peso levámolo nós. -Dende o seu punto de vista de sindicalista, os avós ¿non estarán eliminando postos de traballo? -Unha cousa non ten que ver coa outra, penso eu. O que facemos a maioría dos avós cos netos non. Afrontamos necesidades puntuais dos fillos e colaboramos cando facemos falla, de forma desinteresada e con cariño. Preocúpame máis o futuro, polo que observo e polo que escoito doutros vellos. Moitos fillos teñen outra forma de pensar e non sabemos que van a facer os seus netos con eles cando chegue o momento. -¿Que quere dicir con iso? -Está habendo deixadez e comodidade. Hai moitos vellos que van parar ós asilos cando deixan de ser útiles para os fillos. Lévanos enganados e onde están non teñen cariño, hai bo trato dos empregados, pero non cariño. Non se trata de cobrar nada a ninguén, e menos ós fillos, porque con eles todo é desinteresado, pero cambiou moito o concepto da familia e iso ten que ver coa cultura, coas présas e quizais tamén co egoísmo. -¿O que un avó sementa recólleo cos netos? -Recóllese pola relación, que continúa no tempo. Os nosos netos son xa grandes e seguen vindo pola casa. Teño unha aquí que veu ver a televisión. Case nunca van a súa antes de pasar a vernos. Déixanse caer. Nótaselles moi ben cando están necesitados. Xa se lles ve na forma de saudar.