O Centro Dramático Galego chega a Vilalba con «Daquel Abrente»

La Voz LA VOZ | LUGO

LUGO

PACO RODRÍGUEZ

Os textos abordan o abuso de poder No reparto da obra escrita por Bolaño e Taxes están Manquiña e Manolo González

19 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O Centro Dramático Galego representará hoxe e mañá en Vilalba o espectáculo Daquel Abrente , onde se recuperan dous textos de Roberto Vidal Bolaño e Francisco Taxes: Laudamuco, señor de ningures e O velorio , ámbolos representados por primeira vez en 1978. Como daquela, no reparto figuran actores entón integrados nas compañías Troula e Antroido, como son Manuel Manquiña, Manolo González, Laura Ponte, Rodrigo Roel e Gonzalo Uriarte, ós que se suman agora Manuel Areoso, Elena Atienza, Lino Braxe, César Cambeiro, Luma Gómez, Xulio Lago e Pepe Soto. Os irmáns César, Humberto e Pablo Morán poñen a música en directo dun espectáculo dirixido por Antonio Simón, responsable ademáis da iluminación e escenografía. Segundo fontes do Instituto Galego das artes Escénicas e Musicais, «as dúas obras presentan paralelismos canto á súa temática -as consecuencias do abuso ou mal uso do poder-, e á formula narrativa que Roberto Vidal Bolaño e Francisco Taxes empregaron nestes textos, unha caste de farsa esperpéntica con propostas estética e narrativas expresionistas». Con esta obra, o Centro Dramático Galego quere facer unha particular homenaxe á época na que o teatro galego comezou a súa traxectoria profesional, momento no que tamén foron determinantes os primeiros anos da mostra de Teatro Galego Abrente de Ribadavia. Foi a ruptura co teatro naturalista e costumista. As funcións serán hoxe e mañá, as nove da noite, no auditorio Carmen Estévez.