TRIBUNA | O |
06 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.COMENTA A xente que os camiños están aínda peor ca fai vinte anos. Falamos do xeral. Antes eran eles, os do pobo, quen se encargaban de mantelos en boas condicións; pero agora, gracias á nefasta política que se segue dende Bruselas, Madrid e Santiago, os pobos que non quedaron abandonados, están a piques de facelo ou de converterse nunha casa de turismo rural. Inda por riba, non lles vamos a pedir ós máis vellos que rocen e enchan de pedras e terra os camiños para así facelos transitables. Son os concellos, coa axuda doutras entidades, os que deberan facelo. Nada ou moi pouco hai feito. Faltan os incentivos precisos para que se recupere a vida agraria e forestal de antano. Ó mellor incluso abondaría con eliminar certas políticas. Di a miña xente que antes no monte botaban patacas e sementaban pan coa única axuda dun par de vacas, a auga dalgunha fonte e moito traballo. Onde non valía para o cultivo, inda plantaban carballos ou piñeiros, pero nada había abandonado. Hoxe, malia a maquinaria de que se dispón, non hai quen o faga. Ben, pois xa teñen algo no que pensar os que resulten elixidos o día vintecinco.