Como a materia, nada cambia, transformase

La Voz

LUGO

leandro

O costume de levanta-las rúas constantemente xa o practicaban coas zanxas os arrestados da Lexión Entro cabreado no bar-ateneo disposto a azuza-la parroquia polo que está a ocorrer na miña rúa coas obras do cable, que se fan meses despois de levantala toda, pero ¡oh incauto de mín!, non me decatei de que o persoal é case que todo dese sector que deron en chamar da terceira idade, maestro no arte da retranca e profesor da filosofía da paciencia. Para colmo, este persoal tamén é un experto coñecedor do proceso de execución das obras nas vías públicas, ás que lle adica a maior parte do tempo libre, que é case todo o día.

16 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

«¿Que che ocorre, que aínda traes peor cara ca habitual?», preguntame un dos contertulios cando entro todo embalado, tras pecha-la porta de golpe, froito do descuido no que me sumiu a ira máis que das gañas de fastidiar ou de da-la nota. Ó pedir café, vanse concentrando os catro ó meu carón, unha vez que comproban que o can non tén pintas de morder. Explícolles o motivo do enfado, temendo que me reprochen que me poño así por interese persoal, pero escoitan todos en silencio e con atención, porque a mañá tampouco proporcionou acontecementos de grande calado. Verán -dígolles á vez que me sereno un pouco e gano tempo para presentarlles a cuestión sin darlles demasiado pé para un contrataque retranqueiro-: vai para dous anos que levantaron parte do pavimento, as beirarrúas e as canalizacións vellas, para substituilas por materiais novos. Logo taparon todo pero a calzada quedou con remendos. Cada vez que pasaba o autobús ou un camión, a xente saía a rúa en camisola, pensando que o monte da Alvela de Becerreá volvía a tremar. Con moito acerto, diagnosticaron que tales tremores debíanse ós remendos do asfalto, e fai preto dun ano puxeron de novo a rúa patas arriba. Por aquela época, ducias de rúas da cidade estaban en similar situación por mor da instalación do cable de fibra óptica, polo que os traballos na miña pasaron máis desapercibidos. Pois ben, fai poucos días trouxeron media ducia de máquinas e metéronlle ó asfalto unha fenda da punta ó cabo, para instalar un cable que todos pensamos que xa o deixaran metido. Acabei de falar e un dos vellos lembroume que fai 60 anos, o castigo habitual na Lexión en África era cavar zanxas no deserto e tapalas, cavar de novo e tapar, cavar e tapar...