Un disco recolle os poemas musicados que o escritor Fernández Naval lera aos seus veciños de Carnota, protagonistas dos mesmos
30 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.«Durante o día / o faro semella bolboreta durmida. / Cando anoitece abre as alas / e busca a sombra / dos mariñeiros perdidos». É un dos poemas do libro Mar de Lira (Concello de Carnota), de Francisco Fernández Naval, convertido en lied, esa canción lírica breve propia do romanticismo. Antes de publicar este poemario, hai agora dez anos, o autor reuniu aos seus veciños de Lira e leulles os versos; moitos deles, e outros que xa non estaban porque morreran no mar, protagonizan estes versos. A eles pareceulles ben o que contaba, e como o contaba, o escritor. O gañador do premio Xerais coa novela O bosque das antas e autor de ensaios como O soño galego de Julio Cortázar (Edicións Linteo) recolleu neste poemario comentarios de vellos mariñeiros capaces filosofando sobre a vida ou a ecoloxía: «Pensar que tendo o mundo tantos milleiros de anos, / a memoria da destrución vén sendo a miña propia memoria».
Agora un disco, De mar de Lira, recolle algúns deses poemas musicados. Son composicións de José Luis Fernández Carnicero, que interpreta ao piano José Manuel Yáñez Carballeira, pianista e profesor no Conservatorio da Coruña. Cada unha das dezaseis composicións son cantadas pola soprano e responsable do departamento de canto do conservatorio de Culleredo, María Victoria Álvarez Acón.
A gravación fíxose no Auditorio de Galicia, con asistencia técnica de Pablo Barreiro, e na mesma aparece un traballo musical que o autor dos versos confesa que sempre soñou; de feito, a orixe deste novo álbum estivo na dedicatoria que Fernández Naval fixo a Jocabed, a filla de Carnicero, nun exemplar do poemario: «...estes poemas que sempre soñaron ser canción».
O disco é «unha proposta lírica de piano e voz que bebe na música tradicional de aquí, e tamén de Irlanda», explica Fernández Naval. Neste senso, «hai pezas como Costeira que lembran as baladas irlandesas», indica. E outras das composicións, agrega, «teñen ton de himno dos países do norte». O traballo está editado polo Concello de Ourense.