Alberta Lorenzo, arquitecta e investigadora: «O mosteiro chantadino de Pesqueiras estivo habitado só por unha abadesa»
TABOADA
Lorenzo publicou un estudo sobre os conventos femininos do condado de Pallares que se presentará este venres en Taboada
26 sep 2024 . Actualizado a las 05:05 h.O auditorio do Cuartel Vello de Taboada acollerá este venres —ás 19.30 horas— a presentación do libro A arquitectura bieita do condado de Pallares: Os mosteiros femininos desaparecidos, unha obra que foi galardoada no 2022 co premio de investigación Condado de Pallares pero que acaba de publicarse agora. A súa autora, a arquitecta e investigadora Alberta Lorenzo Aspres (Rianxo, 1981) xa gañara anteriormente este mesmo premio por un estudo sobre as igrexas románicas que foron trasladadas de lugar a raíz da construción dos embalses de Belesar e Os Peares.
—Cales son os conventos que estuda neste traballo?
—Trátase dos seis mosteiros femininos da orde beneditina que existiron nos territorios do antigo condado de Pallares durante a Idade Media. No actual municipio de Carballedo estaban os de San Xoán da Cova e San Vicente de Chouzán; en Chantada, o de Santa María de Pesqueiras; en Taboada, o de Santa María de Xián; en Portomarín, o de San Salvador e en Guntín de Pallares, o de Santa María de Mosteiro.
—En que época existiron estes mosteiros?
—As orixes dalgúns deles poden remontarse aos séculos VIII ou X e probablemente estiveron ocupados por homes antes de ser de monxas. As comunidades femininas deixaron de existir a raíz da chamada reforma observante, despois da visita que fixeron os Reis Católicos a Galicia no século XV. Os edificios dos mosteiros seguiron en pé durante un tempo e estiveron a cargo de administradores que en certos casos alugaron algunhas estancias, pero despois acabaron por desaparecer fisicamente.
—Por que foron extinguidos?
—Un dos pretextos que se puxeron para levar a cabo a reforma observante era que eses mosteiros non podían cumprir as súas funcións monásticas e espirituais porque tiñan moitas menos monxas das que podían albergar. Se un convento podía aloxar a trinta mulleres, por exemplo, en realidade só había quince ou menos A finais do século XV, o mosteiro chantadino de Santa María de Pesqueiras chegou a estar habitado só por unha abadesa, que foi a última. Non tiña sentido manter aberto un edificio para aloxar a unha soa persoa. En Galicia había nesa época sesenta conventos femininos da orde beneditina. Foron todos asociados ao mosteiro de Antealtares, en Santiago, e quedaron desocupados.
—Non quedan rastros físicos desas construcións?
—O que quedou foron as igrexas románicas que estaban asociadas a eles. A única que se conserva hoxe no seu lugar orixinal é a de Pesqueiras, que non sufriu grandes alteracións. Na súa fachada sur quedan marcas dunha antiga cuberta o e tamén hai sinais de construcións que estiveron pegadas ao templo. Consérvanse tamén as igrexas de San Xoán da Cova e Chouzán, pero non están no seu lugar orixinal, porque foron trasladadas a outros sitios cando se construíu o encoro dos Peares. Pero das igrexas de Xián e Portomarín hoxe non queda nada. A de Xián estaba en perigo de caer na ruína no século XVIII, polo que foi derrubada e as súas pedras aproveitáronse para levantar unha igrexa nova. Da de Mosteiro só queda un capitel prerrománico que se conserva no Museo Provincial de Lugo. O que si se conserva é moita documentación histórica sobre os seis mosteiros que estudei neste traballo.
—Hoxe poderíamos facernos unha idea de como eran eses edificios?
—No libro fixen unhas reconstrucións hipotéticas partindo dos datos que hai nos documentos históricos que falan deles e na regra beneditina que establecía como debían ser construídos todos os mosteiros desta orde. Debuxei as plantas e os alzados, e reconstrucións en tres dimensións. Calculei os tamaños que podería ter eses edificios, pero non fixen estimacións sobre o número de monxas que podían albergar.
—Había moita diferenza entre os mosteiros femininos e os masculinos?
—Desde o punto de vista da arquitectura non había moitas diferenzas entre os conventos de homes e de mulleres. Nos mosteiros masculinos podía haber algunhas construcións anexas, como as fraguas, que non existían nos femininos, pero polo demais eran practicamente iguais.