«Que a Medela leve o nome de Canti é a mellor homenaxe que se lle pode facer»

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

TABOADA

CEDIDA

24 sep 2021 . Actualizado a las 19:33 h.

 O domingo será un día especial para a familia de José Ángel Varela «Canti», directivo do Taboada que faleceu hai dous anos. O campo no que traballou tantos anos pasará a denominarse A Medela-José Ángel Varela «Canti» como homenaxe ao seu labor incansable polo club que tanto amou. Marcos, o seu irmán, que tamén é directivo, fala do que será este recoñecemento.

-Que supón para vostedes que o campo da Medela leve o nome de Canti?

-É o maior recoñecemento que lle podemos facer ao meu irmán e que está ao noso alcance. É unha homenaxe máis que merecida, porque Canti adicou toda a súa vida ao Taboada. E podo dicir que co paso dos anos aínda estaba máis implicado.

-Cando lle comunicaron a familia esta proposta, que lle pareceu?

-Efectivamente, eu consulteino coa miña nai e coa súa viúva, e pareceulles ben. Emocionámonos todos moito, polo que supón este acto. Estamos moi orgullosos de Canti, que era un home que traballou arreo polo Taboada, pero sempre o fixo dende a sombra. Era moi discreto. O del era pico e pala, pero non quería ser protagonista.

-Estaría moi ledo de ver como os seus lle fan este recoñecemento.

-Os que temos fe estamos ilusionados porque sabemos que dende alá arriba verá esta homenaxe. E seguro que se sente moi orgulloso. E precisamente por iso o facemos.

-Vostedes son unha familia que sempre estivo vinculada ao Taboada, influíu o feito de que o seu pai estivera tantos anos de directivo?

-Si que influíu, porque cando eramos cativos viñamos con el aos adestramentos e aos partidos. Recordo que el se encargaba do bar e incluso axudou a construír o campo. Tamén recordo as comidas que facían antes dos partidos no recinto da Medela. Eu xoguei máis dunha década nos xuvenís e no primeiro equipo, e Canti tamén xogou arriba.

-Canti deulle moita visibilidade ao Taboada nas últimas tempadas.

-Si. El era un home que traballaba moi ben nos despachos, porque coñecía todo o fútbol afeccionado de Galicia. A súa vida era o Taboada para o que vivía ás 24 horas do día. Cando remataban os partidos, os directivos, os técnicos e os xogadores quedabamos para tomar algo, pero el o terceiro tempo facíao no seu piso en Lugo. Alí descargaba as fotos dos partidos e escribía as crónicas que subía á páxina web. A paixón de Canti polo club era total.

-Era o seu piso un auténtico santuario do Taboada?

-Era, porque alí tiña a camiseta enmarcada e diferentes obxectos relacionados co club.

-O domingo será un día especial para vostede.

-Cando faleceu Canti a miña idea era deixalo todo, porque vir aquí era derrubarse, pero o presidente insistiu en que continuara, e teño que dicir que se converteu nun antídoto.

-É verdade que ata o último intre Canti estivo traballando polo Taboada?

-O último día díxome que fora a Taboada a ver como ían as obras. Ata o último momento pensou no seu Taboada.

-Que mensaxe lle transmite á familia do Taboada?

-Quero darlle as grazas a todos polo apoio que lle brindaron a Canti nos momentos más complicados e por esta marabillosa homenaxe deste domingo.