Adeus a Casa Descalzo, o restaurante máis veterano e célebre de Taboada

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

TABOADA

María Luz Otero ?à esquerda? e a súa prima Olga Rodríguez traballando na cociña do restaurante no 2013, cando o negocio foi galardoado cun dos premios Gastronomía de Galicia
María Luz Otero ?à esquerda? e a súa prima Olga Rodríguez traballando na cociña do restaurante no 2013, cando o negocio foi galardoado cun dos premios Gastronomía de Galicia ROI FERNÁNDEZ

O local, fundado en 1935, pechou co estado de alarma para non volver abrir

06 jun 2021 . Actualizado a las 12:25 h.

Entre os establecementos de hostalería do sur lucense que non reabrirán despois da pandemia encóntrase o restaurante máis antigo de Taboada, Casa Descalzo, que funcionou de forma ininterrompida desde 1935 ata o ano pasado. O negocio pechou as súas portas cando se declarou o estado de alarma sanitaria e xa non volveu abrir. O seu peche definitivo non se debe á actual crise, senón a que a súa propietaria, María Luz Otero Rodríguez, se xubilou en agosto. Pero hai moita xente que cre que continúa aberto. «Hai quen segue chamando por teléfono para facer reservas, e algúns tamén veñen aquí, pero o restaurante xa non funciona», explica a antiga dona.

O restaurante foi fundado polos pais de María Luz, Ramón Otero González e Matilde Rodríguez Fernández. «Pouco despois levaron ao meu pai á guerra e miña nai tivo que ocuparse ela soa de todo, pero o restaurante non pechou nunca, nin nesa época nin despois», sinala. Cando os seus pais enfermaron e faleceron, María Luz Otero encargouse do negocio xunto coa súa prima irmá Olga Rodríguez Rodríguez. Elas dúas foron as únicas traballadoras de Casa Descalzo durante o resto da súa historia.

O nome do local non procede de ningún apelido da familia, senón do alcume con que era coñecido o seu fundador. «Meu pai era de Esperante e aos veciños desa parroquia chamábanlles por entón ‘os descalzos’, e por iso puxéronlle ese nome ao restaurante», di María Luz Otero.

Unha ampla fama

Durante a súa longa existencia, Casa Descalzo foi un local moi coñecido e frecuentado non só polos veciños de Taboada, senón tamén por clientes que se desprazaban desde outros concellos e comarcas. «Tiñamos tamén moitos clientes que viñan de Chantada, de Monterroso e de moitos outros sitios», explica a antiga propietaria.

O local era moi apreciado pola súa oferta de carnes de caza e polas súas sobremesas -especialmente os seus flans caseiros-, pero ofrecía ademais outros pratos de temporada. Entre os seus preparados de caza había pratos a base de xabaril, corzo, lebre, coello... O restaurante tamén tiña sona pola súa preparación do prato máis típico de Taboada: o caldo de ósos, protagonista da festa gastronómica local, na que participou en todas as súas edicións, como todos os restaurantes do municipio. Pero María Luz Otero non quere darse moito mérito nese aspecto. «O caldo de ósos é algo que todos saben facer en Taboada e o noso tampouco era mellor que os dos outros», opina.