Un miradoiro construído perto de Froxán acrecenta o atractivo turístico da paisaxe da Serra do Courel
19 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Ao contrario do que sucede co Canón do Sil, a Serra do Courel non conta por agora con moitos miradoiros que faciliten a contemplación das súas espectaculares. O máis recente foi habilitado xa hai varios meses nas cercanías da aldea de Froxán, na parroquia de Vilamor, pero a súa existencia é aínda moi pouco coñecida, xa que no momento da súa apertura non se celebrou ningún acto de inauguración para divulgala.
O seu nome é miradoiro do Teso e permite contemplar unha impresionante panorámica do val do río Lor, unha das zonas de maior interese paisaxístico e ecolóxico da serra. A sinxela instalación, consistente nunha varanda de madeira e un panel explicativo, foi construída pola Consellería de Medio Rural a petición dos veciños de Froxán, que se encargaron de plantar no lugar varias cerdeiras para ofrecer sombra aos visitantes. As árbores aínda terán que medrar bastante para cumprir esta función, pero iso non impide que o novo miradoiro supoña un importante incremento no atractivo turístico da zona.
Outras instalacións
No municipio do Courel construíranse anteriormente outros dous miradoiros, financiados con cargo aos fondos do primeiro plano Leader. Un deles encóntrase no Pico do Boi, por debaixo do monte Pía Paxaro, e outro está situado por enriba da aldea de Parada de Moreda. Desde a súa construción, porén, non se levaron a cabo obras de mantemento e as varandas están hoxe derribadas polo efecto da intemperie.
No municipio de Quiroga, pero tamén dentro da Serra do Courel, foi construído hai seis anos outro miradoiro para facilitar a contemplación do pregamento de Campodola, un dos principais monumentos xeolóxicos de Galicia. O lugar recibe numerosos visitantes grazas á súa estratéxica situación á beira da estrada de Quiroga a Folgoso, nunha das principais vías de acceso ao Courel.