Crónica | O Courel ante o problema das gardas médicas Os veciños do municipio, con algunhas excepcións, cren que depender durante a noite do PAC de Quiroga supón un serio risco para a súa saúde e a súa seguridade
21 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.? cuestión das gardas médicas provoca unha resposta case unánime entre os veciños do Courel. Parecen ser moi poucos os que se mostran de acordo co sistema aplicado actualmente no municipio, mediante o cal as urxencias que se produzan entre as dez da noite e as oito da mañá son atendidas no PAC de Quiroga. «Nin no tempo da fame pasaba isto», afirma un veciño da aldea de Ferreirós mentres espera ser atendido no centro de saúde de Folgoso. «Non me parece nada ben que non teñamos aquí un médico pola noite. Se nos pasa algo grave ós que vivimos nos sitios apartados, podemos morrer se a ambulancia non dá chegado a tempo, e ademais hai quen nin sabe chamar pola ambulancia, por desgracia. Pero aquí pagamos os impostos igual que a xente de Madrid o de calquera outro sitio», afirma, mentres outros veciños presentes no lugar asenten coa cabeza. Do mesmo parecer é outro paciente que chega pouco despois ó centro de saúde. «Son de Seceda e se ten que vir alí a ambulancia desde Quiroga por unha urxencia, hai tempo de sobra para morrer. E aínda están peor os que viven nos sitios máis apartados, como Teixeira ou Noceda. Pero nisto estamos mal todos os veciños do Courelo», opina. «É unha vergonza que nun municipio grande como este non teñamos un médico de garda toda a noite. Non creo que aquí haxa ninguén que estea en contra de que se cambie o sistema de gardas que temos agora», engade. Aínda que esta postura parece ser maioritaria, tamén pode haber algunhas excepcións. É o caso doutro veciño que chega un pouco máis tarde ó punto de atención médica de capital do municipio. «Eu penso que nunca mellor estivemos. Antes aquí non había nada e hoxe temos dous centros de saúde, unha ambulancia e un sistema de atención e de gardas que funciona ben», di con convicción. «O único que había antes era un médico para toda a zona, que tiña que coller o único taxi do municipio para ir ver ós pacientes cando se lle estropeaba o coche», agrega.