Enrique Sampil: «Hai 40 anos o eixe central era o xadrez e hoxe é a liga de fútbol»
O SAVIÑAO
O presidente do Círculo Saviñao leva nese posto desde 1982
13 dic 2025 . Actualizado a las 11:11 h.O Círculo Saviñao cumprirá 70 anos no 2033 e nada fai sospeitar que non chegará con boa saúde a ese aniversario. A sociedade naceu como un espazo alternativo de ocio e cultura para a xente nova do Saviñao en 1958, e despois dunha primeira etapa de éxito comezou outra de esmorecemento progresivo que rematou en 1982, coa chegada dunha nova directiva que lle fixo recuperar o pulso. Aquela directiva nova estaba liderada por Enrique Sampil, que 43 anos despois segue sendo o presidente do Círculo Saviñao, unha sociedade cunha programación cultural estable todo o ano e que ten ao redor de 180 socios.
—O Círculo Saviñao de hoxe e o de 1982 son moi distintos?
—Hai moitas diferenzas. Primeiro, que o tipo de socio cambiou. Daquela era máis de Escairón e participaba máis nas actividades que se organizaban no Saviñao. Había xente nova que ía ás cousas. Nestes 43 anos todos nos fixemos maiores, tanto os directivos como os socios. En calquera caso, nós o que pretendemos sempre, naquela época e tamén agora, é ser o lugar de encontro no municipio, un espazo no que todo o mundo se sentise cómodo e participase nas actividades, independentemente da súa idade e da súa maneira de pensar.
—Leva 43 anos como presidente. Ou é moi levadeiro de facer ou ten vostede moito interese na sociedade.
—Hai que ter interese, iso é o primeiro. Loxicamente, traballar sen ningún tipo de contraprestación pódese facer pesado co tempo. Pódese facer se hai unha boa relación dentro do equipo directivo. Para iso sempre intenten que ademais de ser directivos fosen amigos. Iso facilita moito as cousas, por exemplo para tomr decisións de maneira informal, porque doutra maneira tes que andar con máis coidado. En canto ao traballo, si que dá traballo, pero faise levadeiro porque facemos os que nos gusta como directivos e como socios. Organizamos teatro porque nos gusta o teatro, recitais, presentacións e música en directo pola mesma razón. Non é só algo que dá traballo, senón algo que resulta gratificante.
—Tamén pode ser un indicador de que falta relevo.
—Eu diría que ese problema haino en todas as sociedades recreativas de España, desde as máis grandes ás máis pequenas. Todas teñen o problema do relevo xeracional, porque o mundo cambiou. Hoxe todo é máis inmediato, os lugares de encontro hainos de trinca maneiras, mesmo nas redes sociais, en lugares nos que non hai que pagar unha cota para poder participar. Hai que renovarse para sobrevivir. Hoxe as conferencias xa non teñen a importancia que tiñan. En cambio, teñen máis presenza a música ou o teatro. Nós primamos o teatro no inverno (agora temos un ciclo con sete obras entre novembro e decembro), e no verán organizamos máis concertos porque así aproveitamos a terraza que temos, que con bo tempo estase moi cómodo nela.
—Vostede fíxose presidente con 26 anos. Hoxe parece difícil pensar que alguén con esa idade poida querer facerse cargo do Círculo.
—Non é o que cabe esperar, pero podería ser. Naquel momento metémonos porque vimos que o Círculo atravesaba unha crise tremenda. Non había actividades, por non haber non había nin sucripcións de prensa.
—¿Naquel momento canto tempo levaba existindo a sociedade?
—Formouse en 1958 e entre ese ano e 1960 foi construído o edificio. No 1960 inaugurárono cunha conferencia de Luis Moure Mariño.
—¿Non naceu na época dourada das sociedades a principios do século XX?
—Non, foi nos anos sesenta e como unha iniciativa de xente nova interesada en ter un lugar distinto das típicas cafeterías que había naquel momento e ás que ías xogar ás cartas e tomar o café. Buscaban un lugar máis dinámicos, onde houbese charlas, e se puidese facer unha vida doutro tipo.
—Segue cumprindo esa función?
—Hoxe ofrece moito máis que o que ofrecía daquela, Hai 40 anos o eixe central de actividade podía ser o xadrez e hoxe a liga de fútbol, pero o Círculo segue sendo un lugar de encontro da xente de Escairón. Gustaríanos que houbese máis presenza de xente nova, sen dúbida, pero hoxe os de 26 anos non van a actos culturais ou vai a moi poucos. Viven máis o fútbol que o teatro.