Máis de trescentas persoas participan na festa gastronómica do porco celta no Incio
14 mar 2026 . Actualizado a las 21:27 h.«Un símbolo de identidade, de resistencia e de futuro». Así denominou este sábado a cantante Lucía Pérez o porco celta no seu pregón da segunda edición da festa gastronómica que O Incio lle dedica a esta carne. A segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta do Incio celebrouse de novo no hotel Hermida Rural, na parroquia de Eirexalba e xunto ao encoro de Vilasouto. Asistiron más de trescentas persoas.
A xornada contou coa voz da Lucía Pérez, natural do municipio, como pregoeira. A artista exerceu de mestre de cerimonias nun discurso no que subliñou que «apostar por esta raza é apostar por manter viva a nosa terra, a nosa cultura e a nosa economía local». A pregoeira tivo ademais un recordo para figuras das letras como Ánxel Fole e Marica Campo, que foi a pregoeira da primeira edición, así como para «as protagonistas silenciosas da cociña, as mulleres». O Cocido Gourmet Porco Celta, engadiu, «representa o encontro entre tradición e innovación». Xunto a ela, o humorista David Amor sumouse á causa como embaixador da festa.
A programación arrincou ás 13.00 horas cunha cata de viños guiada por Bruno Lovelle, que maridou cos primeiros petiscos gourmet elaborados con Porco Celta. Tras o pregón, deu comezo o xantar, que tivo como prato estrela o tradicional cocido, e que se pechou cunha queimada.
Aínda que a parte gastronómica foi a gran protagonista da xornada, a festa continuou pola tarde-noite. O programa incluía un concerto a media tarde do grupo Deloreans e unha cea con iscos ao espeto, que terá unha sobremesa cunha selección de destilados combinados.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, valorou moi positivamente a acollida desta segunda edición, que dá continuidade «a un proxecto que naceu coa intención de fortalecer a identidade gastronómica do municipio e respaldar o sector do Porco Celta». Corujo incidiu en que o obxectivo agora é «que o evento medre progresivamente, gañe visibilidade e se consolide como unha referencia dentro das citas gastronómicas tanto da provincia como do conxunto de Galicia».