O programa comezará o 29 de xaneiro coa obra «O proceso», da compañía Malasombra
12 ene 2026 . Actualizado a las 16:46 h.O próximo día 29 comezará un novo ciclo de representacións teatrais organizado polo Concello de Monforte que se desenvolverá ata o o 26 de abril. O programa, deseñado pola concellería de Cultura dentro do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, «aposta especialmente pola produción profesional galega, pero tamén inclúe compañías do ámbito estatal», sinalan os responsables municipais. O ciclo comprenderá en total sete obras, das que seis están dirixidas a espectadores adultos e unha ao público infantil.
Todas as representacións deste programa ofreceranse no auditorio do edificio multiusos ás 20.15 horas, excepto a dirixida ao público infantil, que se comezarás ás 18.000 horas. O prezo xeral da entrada será de cinco euros, que se reducirá a tres euros para os menores de idade, os estudantes, os desempregados e os xubilados.
A continuación detállanse as funcións incluídas neste ciclo:
29 de xaneiro. O programa comezará con O proceso, unha obra de Cándido Pazó que será representada pola compañía Malasombra. A peza preséntase como un sainete cómico que rememora os feitos acontecidos en 1880, cando o escritor Manuel Curros Enríquez foi denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra.
19 de febreiro. O Centro Dramático Galego porá en escena Memorias dun neno labrego, versión teatral da novela do mesmo título de Xosé Neira Vilas, unha das obras emblemáticas da literatura galega contemporánea. A representación da peza coincide co décimo aniversario do pasamento do escritor.
26 de febreiro. A seguinte representación do ciclo será a da obra As desterradas, orixinal de Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval. A peza, escenificada pola compañía Producións Teatrais Excéntricas, recrea o enfrontamento que se deu entre os séculos XV e XVI entre a Coroa de Castela e os mosteiros galegos de monxas beneditinas.
12 de marzo. Para esta data está prevista a representación de A historia vaxenial, do grupo Artyc Contest. A peza, creada por Raquel Nogueira e Iván Marcos. foi galardoada co sexto premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade e retoma o espírito dunha serie web dos mesmos autores que recibiu un dos premios Mestre Mateo.
26 de marzo. O actor Carlos Blanco representará o espectáculo humorístico A penúltima.
23 de abril. La compañía Teatro Guirigai pondrá en escena Amalia y el río, historia de una estraperlista, unha peza baseada na historia real dunha contrabandista da fronteira entre Estremadura e Portugal durante a posguerra española.
26 de abril. O ciclo pecharase coa representación de Berenguela na gaiola, un espectáculo das compañías Galeatro Producións e Xarope Tulú dirixido ao público familiar. A peza está baseada na obra teatral de Manuel María Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.