«Lúa vermella» estréase este venres en Monforte

MONFORTE DE LEMOS

Un momento da rodaxe dunha escena de «Lúa vermella» no adro da igrexa chantadina de Santa María de Pesqueiras
Un momento da rodaxe dunha escena de «Lúa vermella» no adro da igrexa chantadina de Santa María de Pesqueiras AMANITA FILMS

O filme de Lois Patiño foi gravado en grande parte en varios municipios do sur lucense, con actores e figurantes locais

28 oct 2020 . Actualizado a las 12:57 h.

A sala de multicines Hollywood de Monforte de Lemos é un dos lugares onde se estreará este vernes a película Lúa vermella, de Lois Patiño, que foi gravada en diferentes municipios do sur lucense e conta coa participación de numerosos veciños destes concellos que actúan como figurantes. O filme será presentado por Iván Patiño, responsable da produtora monfortina Amanita Films, que coproduce a película xunto coa firma coruñesa Zeitun Films. Para esta xornada está previstas dúas proxección, que se ofrecerán ás 18.00 e ás 20.00 horas. No acto de presentación, Iván Patiño estará acompañado por dúas das actrices principais do filme: Pilar Rodríguez, veciña de Monforte, e Ana Marra, veciña de Pantón.

Segundo explica o produtor, unha boa parte da rodaxe levouse a cabo na Costa da Morte, pero numerosas escenas foron gravadas en Monforte, Chantada, A Pobra do Brollón e Bóveda, entre outros lugares. «Practicamente non quedou un municipio da zona no que non se rodase algunha parte», sinala. O museo ferroviario monfortino, a igrexa románica chantadina de Santa María de Pesqueiras e a Cova das Choias —na Pobra do Brollón— son algúns dos lugares onde se realizou a filmación.

Iván Patiño apunta por outra parte que a estrea de Lúa vermella nas salas de cine sufriu un considerable retraso a causa da pandemia. O filme estreouse o pasado febreiro no Festival Internacional de Cinema de Berlín. «Moi pouco despois comezou a alarma sanitaria e pasamos cerca de catro meses sen poder distribuír a película», di. Cando o filme puido circular, foi presentado no Festival de Cine de Málaga, onde levou o premio á mellor película española da sección Zonazine. Na actualidade, Lúa vermella xa pasou ou ten previsto pasar por diferentes festivais de Estados Unidos, Holanda, Francia, Portugal, México, China, Corea do Sur, Brasil, Colombia, Italia, Canadá, Serbia e Polonia. «A pesar das circunstancias tan adversas que se dan este ano, a película está a funcionar como un tiro», conclúe Iván Patiño.