TRIBUNA | O |
29 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A denuncia de certas irregularidades das sucesivas corporacións de Monforte pode ser lexítima e ata encomiable cando se fai de boa fe e de xeito correcto, no fondo e na forma, é dicir, cando responde á verdade e respecta ás persoas e ás institucións. Este non é o caso do comentario Política e amiguetes , de Enrique López Moure, xa que polo menos no que atingue a Agrobicas falta descaradamente á verdade en canto, segundo el, lévase a palma na venda de plantas e produtos ao Concello. A venda de produtos ao Concello, feita dende os principios de concorrencia e igualdade de oportunidades, non tería nada de criticable, posto que a empresa Agrobicas cumpre todos os requisitos legais, compite no mercado e paga os seus impostos -quero pensar que como a súa, que factura importantes cantidades a este Concello- pero dada a forma en que o di, alguén pode pensar que hai prerrogativa e connivencia. Aconsello ao señor López Moure que antes de falar así pida as correspondentes facturas. É irresponsable verter manifestacións nun medio público sen as debidas comprobacións, porque non só mancha o nome dunha empresa familiar cun prestixio logrado a base de honradez e traballo, senón que contribúe a fomentar a crispación entre os cidadáns e o Concello. Polo tanto, conmínoo a retractarse.