Unha aldea do Courel onde vai abrir un negocio de turismo leva un mes sen telefonía móbil

á.j. / l.d. MONFORTE / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

Vista da aldea de Teixeira, na que se localizan os problemas de cobertura
Vista da aldea de Teixeira, na que se localizan os problemas de cobertura CARLOS RUEDA

14 ago 2020 . Actualizado a las 13:38 h.

Os veciños da localidade de Teixeira levan un mes sen cobertura pola inestabilidade do seu servizo de telefonía móbil contratado. O Concello de Folgoso do Courel dirixiuse en varias ocasións á empresa de telecomunicacións Movistar para que repare o repetidor encargado de manter a rede da zona.

A instalación do repetidor entrara no Plan de Banda Ancha 2010-2013, mediante o cal foron instalados equipos encargados da cobertura e do funcionamento da televisión nos fogares de áreas dispersas de Galicia. O repetidor foi financiado pola Xunta, mentres que o Concello cedeu o terreo para a instalación. Dolores Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel, recalca que «lle corresponde á empresa garantir un funcionamento axeitado».

Altas temperaturas

Castro indica que, malia as numerosas peticións dos veciños e do Concello, Movistar «non deu unha solución definitiva» e que a compañía se limitou a indicar que «a avaría pode ser polas altas temperaturas e hai que facer unha revisión».