A Panorama e catro liñas de buses para a terceira Festa da Xuventude de Chantada

Carlos Cortés
CArlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

CHANTADA

A orquestra Panorama actuará este 2026 na Festa da Xuventude de Chantada
A orquestra Panorama actuará este 2026 na Festa da Xuventude de Chantada CARLOS CORTÉS

Será o 8 de maio e actuarán tamén a orquestra Fórmula e a charanga Mekánika Rolling Band

11 mar 2026 . Actualizado a las 20:47 h.

O Concello de Chantada ultima os detalles para a celebración da terceira Festa da Xuventude, que terá lugar o sábado 8 de maio. A proposta, que naceu hai tres anos co propósito de ofrecer un ocio nocturno alternativo e de balde para a xente nova, consolídase no calendario primaveral cunha aposta pola música e a animación no centro da vila. Haberá catro liñas de autobús para comunicar ese día Chantada coas principais localidades da súa comarca, da Ulloa, do Deza e de Lemos.

A concelleira de Xuventude, Belén Vázquez Caseiro, explica que se decidiu trasladar a celebración ao mes de maio para «aproveitar os días máis longos e, previsiblemente, unha climatoloxía máis favorábel que nos permita desfrutar dos concertos no exterior». Vázquez Caseiro fixo fincapé en que se trata dunha festa «pensada para todas as persoas que se sintan novas e teñan ganas de gozar do lecer nocturno», nun ambiente aberto e participativo para todas as idades.

A música será a gran protagonista da xornada desde o serán e ata ben entrada a madrugada.

A programación arrincará ás 20:30 horas coa charanga Mekanika Rolling Band, que percorrerá as rúas da vila levando o seu ritmo ata as 23:00 horas.

A partir de aí, a festa concentrarase en dous escenarios principais.

A orquestra Panorama actuará na rúa Xoán XXIII. Comezarán ás once da noite e e rematarán ás dúas da mañá.

E na contorna do polideportivo municipal, a orquestra Fórmula actuará entre as dúas e as cinco da madrugada.

Horarios e percorridos dos autobuses

Co obxectivo de facilitar a participación da xente nova dos concellos da contorna e fomentar un ocio seguro, o Concello volve poñer en marcha un servizo de Noite Bus. Están previstas catro rutas que chegarán a Chantada a tempo para a festa e que realizarán o regreso de maneira unificada ás 5:00 da madrugada.

  • Ruta 1. Antas de Ulla. Saída 21:00 h. Antas de Ulla - Monterroso - Taboada - Chantada
  • Ruta 2. Monforte. Saída 22:00 h. Monforte de Lemos - Escairón - Chantada
  • Ruta 3. Antas de Ulla. Saída 21:00 h. Antas de Ulla - Agolada - Lalín - Rodeiro - Chantada
  • Ruta 4. A Barrela. Saída 22:00 h. A Barrela - Chantada