Héctor Méndez: «Non nos poñemos unha meta de vitorias, intentaremos gañalos todos»
CHANTADA
O Basket Xiria visita esta tarde ao Chantada no primeiro partido de liga do 2025
11 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Calvo Basket Xiria regresa hoxe á competición oficial en Chantada, o terceiro clasificado dunha Tercera FEB —antiga Liga EBA— na que os carballeses non terminan de atoparse, pois só gañaron tres dos once partidos disputados. Héctor Méndez, non obstante, confía na reacción dos seus.
—Que balance fai ata agora?
—Fomos moi irregulares. Non estivemos de todo ben, é verdade que somos un equipo de mozos e logramos competir moitos dos minutos, pero sempre hai unha parte de cada partido na que non estamos focalizados no que hai que facer e iso causa moitas veces que se nos vaian os encontros nun parcial. Pero conseguimos gañar o último antes do parón, que nos deu moitos folgos para adestrar ben durante o Nadal e engancharnos a ese grupo de sete equipos que están na parte media baixa. É certo que puidemos gañar algún partido máis, pero intentaremos mellorar de cara a este ano para que non se nos escapen por detalles.
—Esperaba máis vitorias chegados a este punto?
—O ano pasado tamén nos custou moito arrincar e despois fixemos un 2024 moi bo. Este ano non foi por unha baixa, pero estamos tardando en acoplarnos todos. En canto á esperanza, nós non somos un equipo que nos poñamos unha meta de vitorias. Intentamos gañalos todos e van caendo os que podemos.
—O obxectivo é a permanencia?
—Claro que nos gustaría seguir na categoría, e xogar nesta liga o maior número de anos posibles, pero o obxectivo é sacar o mellor do equipo. Pero se podemos gañar doce partidos, que estará moi ben, e os outros equipos o fan igual de ben, pois teremos que velo. Nesta liga poden poden descender entre tres e cinco conxuntos debido a arrastres ou posibles ascensos.
—Confía en escapar deses últimos cinco postos?
—Lográmolo nos últimos anos e creo que podemos volver a facelo. O equipo está traballando cada vez mellor e penso que van vir máis victorias.
—Como foi o traballo no Nadal?
—Ben, descansamos ata o 27 e nos puxemos xa a preparar este partido contra o Chantada.
—Ademais de ser un dos favoritos, é unha das bestas negras do Xiria nos últimos anos.
—A verdade é que é un equipo moi difícil de gañar para nós. Recordo que con Fer gañamos un ano alí, pero é que teñen xente con moita experiencia e, para min, a un dos mellores adestradores da categoría. Creo que non perderon na casa en todo o 2024. Iso si, imos alí a gañar.
—Haberá fichaxes?
—Dende o verán, estamos intentando incorporar a un home alto. Pero é moi difícil para un club como o noso. O que está claro é que, veña quen veña, non vai ser un xogador salvador, que marque as diferenzas na liga.