Joaquín Lemos, o derradeiro fidalgo de Chantada

Rodrigo Fernández
Roi Fernández CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

A lembranza do morador e dono da Casa de Lemos redúcese xa a moi pouca xente da vila do Asma

04 jun 2023 . Actualizado a las 14:05 h.

A perda de comunicación de novos a vellos pasa factura. Nesta era dixital onde resulta tan sinxelo rexistrar voces e vídeos, desperdiciamos tan máxica ferramenta en acumular imaxes a cachón para depositalas noutros sarcófagos, tamén dixitais, nos que está por ver se atoparán o interese dalgún Howard Carter do futuro, esquecendo ás veces documentar aos nosos maiores aínda próximos e accesíbeis. «El tiempo que va pasando, como la vida no vuelve más». Pura verdade a destes versos que escribiu e lle puxo música o arxentino de Mendoza, Luis Profili para o tema Zamba de mi esperanza e así aplícase esta sentenza á xa diluída figura deste misterioso e xa finado veciño do casco histórico da vila, porque xa só dúas persoas na diáspora e outras catro na vila de Chantada son as únicas coas que se conseguiu algún apuntamento da vida de Joaquín María de Lemos Varela, Xaquín Lemos ou O Barbas.

Na parte norte do Cantón chantadés e con tres fachadas, unha que da ao mesmo Cantón, outra á Praza do Mercado e outra á rúa Dous de Maio, érguese a Casa de Lemos, edificio distinto a todos os que o rodean. Irregular, como feito a retais e soportalado nas tres caras con columnas de distintos capiteis, basas e fustes, disque aproveitadas do desaparecido pazo do Marqués de Astorga e Conde de Altamira, sito nas proximidades.

Foi convertido este edificio a finais dos 80 do século pasado para espazo público e restaurado polo premiado arquitecto Manuel Gallego Jorreto para crear a Casa da Cultura de Chantada. Pero vaiamos cara atrás.

Dende finais dos 50 até comezos dos 80 esta vivenda estivo deshabitada, a vivenda, non o baixo. Neste rexentou durante anos unha tenda unha muller chamada a Josefina, que ademais do negocio de colmado era tamén fabricante de obleas, para o cal posuía unha máquina que as cociñaba.

Despois o local dividiuse en dous establecementos, o da Brocheira ou Rogelia e o da María das Hostias. A primeira atendía unha tenda na que entre outras cousas despachaba lambetadas. Quen escribe mercou aí o seu primeiro Burmar Flax. E a segunda sucedeu a Josefina do Pan, pois así lle chamaban na elaboración de obleas, que non foi pouca a rapazada que se achegaba pola María das Hostias para facerse cos recortes.

Sigamos atrás no tempo, moito máis atrás, á segunda metade do século XIX. O baixo da casa de Lemos ocupou entón un comercio, que tamén era toda a superficie do baixo, dedicado a varias actividades como a axencia da Compañía Trasatlántica para as pasaxes de emigrantes a América, a compañía arrendataria de tabacos en Chantada, compravenda de fincas, xiros e prestamos de diñeiro. Benito de Soto Linares era quen levaba daquela ese negocio xermolo do Banco de Soto.

Dado que xa non queda moita memoria viva para describir ao Barbas poderiamos definir a súa personalidade dentro da longa distancia que vai entre o don Bernaldo, de Arredor de Si, de Otero Pedrayo, e o don Guido, aquel morto dos versos de Machado.

De pouco nos serve tan literaria comparativa e poucos son os recordos que, con algo de paciencia e moito pero agradábel e enriquecedor traballiño, se poden extraer da memoria deses poucos maiores que son a memoria da vila.

Son recordos, que coma raios de luz de estrelas nunha profunda noite, contan que Joaquín nunca traballou e que viviu das rendas producidas por casas como a de Vidás en Cicillón no concello de Taboada, ao parecer a de Rubiás en Líncora e probablemente outras máis que a xeito de foros adquiridos por un devanceiro heroe da guerra contra os franceses ao que lle precede e segue unha xenealoxía na que non imos mergullarnos en tediosos ramais.

Exerceu de Fidalgo, non saudaba a calquera e en 1959 aínda rendaba pola casa de Rubiás, afirma un parente que tamén lembra que Joaquín Lemos manifestaba unha recia defensa do ideal carlista por mor da notable merma dos seus ingresos por foros.

Contan tamén que nalgún momento da súa existencia formou parte da corporación municipal e non pouco tempo presidiu a Liga de Amigos, unha sociedade da que xurdiu posteriormente o actual Círculo Recreativo e Cultural; que sendo mozo marchou a Compostela, onde botou un tempo sen rematar estudos, pois ninguén lle atribúe carreira nin preparación superior; e que máis ben pasou unha boa vida pola cidade do Sar.

Case todos os consultados coinciden nas boísimas dotes de xogador de cartas e sobre todo de chamelo, unha variedade do dominó. Que o Barbas adoitaba pasear polos soportais da rúa do Comercio só ou tamén en compaña de Luis Campo, que foi alcalde de Chantada; que era moi habitual nel visitar á casa da sua irmá na estreita de Leonardo Rodríguez e tamén non fallaba ningún 19 de marzo, festividade de San Xosé, como invitado a xantar ao terceiro andar do número catro da rúa Luciano Trabadelo, hoxe doutor Mariano Cedrón, a morada do seu parente José Soto.

Era tamén habitual a sua presenza en actos institucionais como quen que a súa figura lle dera categoría ao evento, así a súa relixiosidade e presenza en procesións, como evidencian as fotos que del aínda se conservan por exemplo nunha visita a Chantada do ditador Miguel Primo de Rivera ou formando parte dunha comitiva na inauguración da praza de abastos.

 

Unha barba longa e branca

E, como non, tamén o seu físico. Esa barba branca alongada até máis abaixo do esternón, producindo na súa figura a ilusión óptica que dá máis talla a un corpo non moi grande. Conta tamén un dos seus familiares que de rapaces cando xogaban ao fútbol no Cantón, non eran poucas as veces que con intención de chutar á portería argallada entre a esquina sul da casa e unha liña da praza, o balón ía directamente a quedar preso no balcón da casa do Barbas. Un deses pequenos futbolistas, Luis Noguerol, sobriño en terceiro grao, era quen de presentarse na porta de entrada da vivenda, unha das que entón daba ao Cantón. Logo do visto bon do seu parente, farto de balonazos, subía polas escaleiras atravesando o espazo onde estaba a cociña -—unha bilbaína de ferro— e pasaba á sala. Pouco máis acorda ver esta testemuña da existencia do Xaquín Lemos, e dalí ao balcón a escoller o mellor de entre todos os esféricos alí condenados.

 

Un parente disfrazado del

Rafael de Soto, parente non moi lonxano do Xaquín Lemos, conta o ben que o pasou e o éxito que tivo a carroza que fixeron os seus amigos Picolín, Serafín, Jesús do Zapateiro, Campelo e pode que algún máis. Reproduciron a casa de Lemos e Rafael prestouse a disfrazarse de Xaquín María de Lemos Varela a condición de manter en rigoroso secreto a súa identidade, algo moi difícil nesta festa. Así o conta el: «O meu tío Fernando deixoume un traxe negro, conseguín unhas barbas brancas longas e fun disfrazarme a casa, ao saír á rúa a xente asustábase e no casino Fernando Otero non conseguiu coñecerme. Ao rematar o folión de carros o Javier Otero e o Jesusiño Soto levaron unha grande sorpresa ao recoñecerme».

 

A morte e o ouro de California

Xa maior e con dificultade para valerse por si mesmo, vaise vivir a unha fonda da praza de Santa Ana, pero aínda pasa horas todos os días na súa casa. Contan que Lemos agochaba un bo número de moedas de ouro, uns din que herdadas, outros que gañadas en partidas de xogo e que no paseo de retirada diario do Cantón até o seu novo domicilio, levaba sempre consigo algunhas cousas que ben puideran ser tal tesouro. A saber. Tamén se dicía na vila que nunha busca desas moedas logo de finar o seu dono, un dos achegados ou encargados para tal procura exclamou a voces a frase «Oro, California!» ao atopar unhas poucas moedas das que non se sabe con certeza se eran de ouro ou non.

Foi unha fría mañá do 23 de febreiro do ano 1960. Fría porque daquela cando o clima atendía ao seu curso de estacións ben seguro que polas horas do almorzo había ir moito frío fóra. Mais foi dentro, dentro da ben coñecida pero xa desaparecida Fonda Mazaira de Chantada onde unha camareira asustada deixaba caer a bandexa con todo o almorzo ao entrar na habitación número 16. Atopara morto o home que alí se aloxaba. Ao mesmo tempo, una nena pequena da casa chamada Mari Dora Gómez Álvarez, almorzaba na cociña desta hospedaxe sendo testemuña do estrépito da bandexa e a louza e do medo da empregada. O finado era Joaquín María de Lemos Varela.

Rafael de Soto Álvarez, acorda así a comitiva do sepelio: «Lembro o día do enterro, estaba na casa e pasou por alí, dende a fiestra contei máis de cuarenta curas de roquete e había máis sen el».