Un penedo si que é, pero nin do Graullo, nin do Garabullo

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA

CHANTADA

10 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O penedo do Castelo no monte do Graúllo, tamén coñecido por penedo do Graúllo, está na parroquia de Erbedeiro, que foi anexa de Chouzán, ámbas as dúas pertencentes ao concello de Carballedo. Este penedo é unha mole pétrea composta principalmente de cuarcita armoricana e que cae vertical cara a desembocadura no Miño do río de Fondós ou de Pepes.

O tipo de cuarcita da que está formado o penedo vén do Ordivícico Inferior e forma parte do conxunto de esquistos, areniscas e pizarras do Paleozoico que atravesan esta zona do Miño e van cara as serras do Courel. A vexetación que rodea o penedo é cando menos singular pois aquí está o único bosque mediterraneo de toda a comarca de Chantada, no que abundan as sobreiras (Querqus suber), aciñeiras (Quercux ilex) e outra flora mais pequena. Das sobreiras aínda se extraía moito corcho ata os anos oitenta.

Curiosamente pouca xente en Chantada lle chama polo seu nome a este afastado monumento natural. Para moitos é o penedo do Garabullo, quizais por deformación da palabra. Ultimamente, e por un erro de acentuación nuns indicadores colocados hai uns anos na vila, algúns xa se atreven con penedo do Graullo. O que deseñeou o letreiro non ía mal encamiñado se lle puxese o til no ú, pero non foi así.

Penedo do Castelo

A denominación correcta é a que sempre empregaron os habitantes da zona, hoxe practicamente deshabitada: Penedo do Castelo. Un lugar cheo de lendas e tesouros, como non podía ser menos. Da outra beira do Miño está a súa continuación xeolóxica, o chamado penedo de San Martiño, ao carón da fervenza de Auga Caída, unha paraxe chea tamén de misterios e lendas.

Estas afirmacións con respecto ao nome aséntanse no feito de que así é como o chaman os vellos do lugar, que chega a correxir aos forasteiros cando escoitan «Garabullo». Polo tanto, no parece tratarse dun problema causado pola deformación da palabra. Nesa parte de Carballedo, aínda que esté moi gastado o idioma, por dicilo dalgún xeito, a palabra garabullo é coñecida e úsase correctamente. É dicir, a un pao retorto non lle chaman graúllo, senon garabullo. E ao monte do penedo dinlle O Graúllo.

Manuel González, do Leiteiro, finou recentemente a punto de facer 103 anos nesta freguesía no lugar da Airoá, xusto enriba do penedo. E ben sabía o que dicía, pois está gravada a súa voz dunha entrevista, cando afirmaba «Penedo do Castelo no Monte do Graúllo». E o mesmo Emilio Varela, natural de Adegas, tamén en Erbedeiro, e mais xentes de Paradela de Chouzán, da Míllara, de Albarín, e máis. Todos empregan ese topónimo.