Figueiras deixa a presidencia da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil para traballar noutros proxectos
14 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O profesor e tradutor chantadino Manuel Figueiras acaba de deixar a presidencia da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), que ocupou durante máis de de tres anos e na que foi substituído polo escritor Francisco Castro. A súa intención é seguir traballando pola literatura infantil e xuvenil galega desde outras frentes. Figueiras mantén desde hai anos un extenso catálogo dixital de libros infantís e xuvenís que pode consultarse na páxina web Filix.org e ten publicado obras traducidas ao galego desde o castelán, o portugués e o francés. -¿Quedou satisfeito da súa etapa como presidente de Gálix? -Para min foi unha etapa moi satisfactoria, aínda que no seu momento aceptei o cargo un pouco por compromiso. Pero por outro lado foi un labor complicado que non me deixaba moito tempo para desenvolver outros proxectos, aos que quero dedicarme máis a partir de agora, así que tamén me alegro de deixar ese cargo noutras mans. -¿Que foi o máis positivo deste período? -O máis interesante destes anos foi ver como avanzou a proxección internacional da literatura infantil e xuvenil galega. Gálix participou nas feiras do libro da Habana, Frankfurt e Boloña e organizou por primeira vez un congreso da Ibby ou Organización Internacional para o Libro Xuvenil, que se celebrou en setembro en Compostela e que penso que foi un punto e aparte na historia desta organización. Os autores galegos cada vez son máis coñecidos en todas partes e a nosa literatura infantil e xuvenil gañou moita consideración social como un xénero literario tan digno como calquera outro. Nese sentido, o saldo desta etapa é enorme e estou moi contento de ter participado dalgún xeito nestes avances. -¿Vai seguir traballando na súa páxina web? -Pois si, e ese é precisamente un dos motivos polos que non quería seguir na presidencia de Gálix, porque non tiña tempo libre para renovala como quería. A web xa conta con cerca de 5.000 pantallas diferentes e ofrece reseñas de centos de libros, pero pretendo ampliala moito e darlle novos contidos. E ademais quero volver traballar como tradutor de literatura infantil e xuvenil, algo para que o ultimamente tampouco dispuña de tempo. -¿Non pensa resucitar algún día a Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Chanatada? -Non teño pensado nada nese sentido. A feira do libro de Chantada foi unha experiencia moi interesante no seu momento, pero para min é algo que xa quedou atrás. Quero axudar a que este tipo de literatura siga medrando e gañando importancia, pero pretendo facelo a través doutros proxectos.