Xosé Gago, escritor: «O meu libro nútrese das miñas experiencias na Pobra do Brollón»
A POBRA DO BROLLÓN
Gago presentará en Vilachá de Salvadur o seu primeiro poemario, «Agora, eu cariota»
19 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O furancho O Currio, na localidade de Trasmonte —na parroquia de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón— acollerá este domingo a presentación do libro de poemas Agora, eu cariota. Será a partir das 13.00 horas. O seu autor, Xosé Gago García (Santiago, 1984) traballou durante cinco anos como técnico de cultura do Concello. O poemario, publicado pola editorial Laiovento, é a súa primeira obra literaria. No presentación participará a escritora Susana Sanches Aríns, que redactou o prólogo do libro.
—Que significa o título da obra?
—É un xogo de palabras sobre o nome das células eucariotas, que foron as primeiras que se puideron asociar con outras células para crear organismos máis complexos. O libro foi escrito a partir de notas e vivencias dos últimos anos, desde que vin vivir á Pobra do Brollón. Despois, desde a calma a reflexión, vin que neste material había unha serie de elementos que podían conducir a unha meta e así foi como xurdiu este libro.
—Ten relación coa súa experiencia como técnico municipal de cultura?
—Se cadra non tanto con ese traballo, senón a partir do que supón o feito de vincularse a unha comunidade que non é a propia e acabar formando parte dela. Vin á Pobra do Brollón porque participei no proxecto de arqueoloxía comunitaria do castro de San Lourenzo de Cereixa. Esa foi a miña primeira relación con este territorio e o que me levou a vincularme a el. Teño unha casa neste concello, onde estou empadroado, aínda que paso fóra a metade do tempo polos traballos que teño agora. E tamén teño viñas en Vilachá de Salvadur. O libro nútrese de todas as miñas experiencias na Pobra do Brollón, sobre todo das experiencias de xestión do patrimonio en comunidade. O libro transita entre o individual e o colectivo e trata sobre como se relacionan estes dous aspectos. É unha reivindicación do comunitario e da veciñanza como elemento de resistencia.
—Na obra hai referencias explícitas a este territorio?
—A parte central do libro, que leva o título de Ribeiranas, está composta por poemas vinculados á ribeira de Vilachá de Salvadur, onde participei no proxecto Adegas da Memoria, que ten por obxectivo indagar no patrimonio local desde o punto de vista da etnoarqueoloxía e do mundo audiovisual. Por este motivo acabei por adquirir un viñedo nesta parroquia e por dedicarme á viticultura, e por iso a ribeira de Vilachá de Salvadur e o mundo da viticultura tradicional teñen un espazo esencial neste libro.
—Cales son os seus referentes na literatura?
—Síntome identificado sobre todo coa poesía galega contemporánea, con autores como Susana Sanches Aríns, que escribiu o prólogo desta obra, con Lucía Aldao ou con Samuel Merino, por exemplo. E por suposto coas poetas da Pobra do Brollón, Olga Novo e Noa Moreira. Fóra da literatura galega non sabería dicir cales son os meus referentes, porque leo tamén moitas novelas e moitos ensaios, pero estes son os autores dos que me sinto máis próximo.
—Por que decidiu presentar o libro en Trasmonte?
—Porque me pareceu moi bonita esta posibilidade, xa que o libro está inspirado en grande parte na ribeira de Vilachá de Salvadur. Despois das festas de Nadal haberá outras presentacións en diversos lugares da Terra de Lemos, pero aínda están por escoller os lugares e as datas.
—Despois desta primeira experiencia, ten previsto publicar máis libros?
—A escrita é algo que me leva acompañando desde hai moitos anos, pero antes non publicara nada. Non sei se seguirei publicando e iso dependerá de que sinta a necesidade. Este libro non ten por que ser o inicio nin o final de nada.