Unha danza tradicional que case desapareceu fronte ao baile agarrado

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Participantes nun dos obradoiros de danza tradicional organizados na Xornada da Carballesa.
Participantes nun dos obradoiros de danza tradicional organizados na Xornada da Carballesa. AGG

Seceda do Courel acollerá o 25 de abril a cuarta Xornada da Carballesa, dedicada a conservar e difundir unha variante da muiñeira

19 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo 25 de abril, a localidade de Seceda —en Folgoso do Courel— acollerá a cuarta edición da Xornada da Carballesa, que ten por obxectivo axudar a difundir e manter viva unha variante da muiñeira que se conservou neste municipio e nos do Incio e Samos. A organización corre a cargo da Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) e conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación e do Concello. «Nas tres primeiras edicións organizáronse obradoiros de baile para ensinar a danzar a carballesa nos que participou moita xente que veu de diferentes partes de Galicia», explica Mónica Fernández, técnica de AGG que se encarga da organización.

A idea de organizar esta xornada partiu de Cristina Ramírez, veciña de Seceda e alumna da Tradescola, a escola de música e baile tradicional que xestiona a AGG en Lugo. «Nun obradoiro da Tradescola dirixido por Xabier Iglesias proxectouse un vídeo gravado en Seceda en 1994 no que aparecían varios veciños bailando a carballesa e quedei sorprendida porque son de Seceda e nunca a vira bailar», explica. «Miña nai, que vai facer 84 anos, tampouco a coñecía porque na súa xuventude o baile solto xa non estaba de moda e o que se consideraba moderno era o baile agarrado», engade. 

Lugares illados

Ao seu xuízo, a tradición da carballesa foise perdendo entre as décadas de 1950 e 1960 fronte ás novas modas. «Conservouse nalgúns lugares illados como O Courel, O Incio e Samos, e chegou un momento en que só a recordaba a xente maior», sinala. O baile a e música, porén, foron recollidos por diversos mestres e investigadores como Xabier Iglesias, Luís Prego, Xisco Feijóo e Montse Rivera, profesora de baile e integrante do grupo Leilía.

A partir da súa descuberta da carballesa, Cristina Ramírez tivo a idea de organizar unha xornada para divulgar esta danza en Seceda, un dos últimos lugares onde foi conservada esta tradición. «Comenteillo aos responsables da Asociación de Gaiteiros Galegos e da Tradescola, pareceulles ben e decidimos probar para ver a resposta que podía ter a iniciativa». A próxima edición da xornada será especialmente emotiva para ela —agrega— «porque este ano faleceu Filomena da casa de Fernandín, a única persoa que quedaba viva das que aparecen bailando a carballesa no vídeo de 1994».

Mónica Fernández apunta pola súa parte que a resposta obtida por esta convocatoria foi mellor do que esperaban os organizadores. «Nas tres edicións que fixemos ata agora veu xente de Santiago, de Vigo e doutros moitos lugares que estaba interesada en aprender a bailar a carballesa, e ademais creouse un ambiente moi bonito porque tamén acudiron moitos veciños da comarca». A cuarta edición da xornada presenta como novidade o feito de que incluirá un obradoiro de gaita para ensinar a interpretar a música que acompaña o baile. Nos anos anteriores ofrecéronse obradoiros para aprender a bailar esta peza que foron dirixidos por Xabier Iglesias, Montse Rivera e Xisco Feijóo. A organización indicará máis adiante como inscribirse nestes obradoiros.

O programa deste ano comprenderá tamén un obradoiro de brindos ou cantares improvisados, propios da serra do Courel. «Cada ano buscamos celebrar unha homenaxe ás persoas que conservaron a carballesa e outras pezas de música e danza tradicionais, e este ano quixemos homenaxear aos brindadores, que son tamén un elemento moi importante da cultura popular destas terras», di Martínez. A xornada incluirá ademais un baile animado por grupos das escolas de música tradicional do Courel, O Incio e A Pobra de Brollón. Este é programa de actividades previsto para a xornada:

  • 11.00 horas. Obradoiro de danza dirixido por Julia Pozo Méndez e Chema Cebeiro
  •  11.00 horas. Obradoiro de gaita a cargo de Óscar Vázquez
  •  14.00 horas. Xantar popular
  •  14.00 horas. Obradoiro de brindos con Branca Villares
  •  17.30 horas. Filandón
  •  18.30 horas. Baile con grupos de música tradicional
  •  20.00 horas. Concerto do grupo Galega de Bailables