Os viños de Amandi irmándanse coas filloas de Muimenta

La Voz

LEMOS

O acto de irmandamento entre os viños de Amandi e as filloas de Muimenta celebrouse na escola de hostalería de Rosende, no municipio de Sober
O acto de irmandamento entre os viños de Amandi e as filloas de Muimenta celebrouse na escola de hostalería de Rosende, no municipio de Sober CONCELLO DE SOBER

Os festexos gastronómicos de Sober e Cospeito inician unha liña de colaboración cun acto celebrado no primeiro destes municipios

14 mar 2026 . Actualizado a las 13:55 h.

A Feira do Viño de Amandi, a máis veterana das que se celebran na Ribeira Sacra, xa está irmandada coa  Festa da Filloa de Muimenta. O acto de irmandamento entre os dous festexos gastronómicos celebrouse este mércores na escola de hostalería da Fundación Belarmino Fernández, situada na parroquia de Rosende, pertencente ao municipio de Sober. «Ambas as celebracións contan coa distinción de festas de interese turístico de Galicia polo que, con esta proposta pretenden acadar unha maior difusión e repercusión de ambos os eventos», sinalan desde o Concello de Sober.

No acto de irmandamento tomaron parte dúas filloeiras de Muimenta e persoal da escola de hostalería de Rosende. Estiveron tamén presentes o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o presidente de asociación de empresarios de Muimenta, José Manuel Rus. Segundo indican desde o Concello soberino, ambos resaltaron a importancia desta «nova liña de colaboración» entre os dous festexos, sinalando que vai permitir o seu relanzamento nos territorios onde son menos coñecidos,

As filloas de Muimenta —no municipio de Cospeito— caracterízanse pola súa forma cadrada e por ser salgadas. No acto de irmandamento celebrado en Sober maridáronse cos viños de Amandi mediante tres preparacións gastronómicas elaboradas conxuntamente polas filloeiras e polos alumnos da escola de Rosende. Unha delas consistiu en filloa rechea de pera ao viño de Amandi, filloa con mousse de chantillí e brownie de chocolate, e saquiño de filloa con arroz con leite. Por outro lado, dúas adegas da subzona de Amandi participarán na próxima edición da Festa da Filloa de Muimenta.

Dous dous festexos gastronómicos, o primeiro en celebrarse será a Feira do Viño de Amandi, que chegará á súa edición número 46 entre os días 27 e 29 deste mes. A programación arrancará ás 19.30 horas da primeira xornada cun acto inaugural a cargo da adega Petrón —da parroquia de Doade—, que será seguido de actuacións musicais dos grupos Festicultores Troupe e Monoulious Dop. A Festa da Filloa de Muimenta, pola súa parte celebrará a súa edición número 34 o 1 de maio no recinto feiral Manuel Vila López. A apertura será ás 7.30 horas e media hora máis tarde comezarán a prepararse as filloas. Ás 8.30 abrirase unha mostra de artesanía e produtos galegos de calidade. Haberá tamén postos de churrasco e unha degustación de xamón de porco celta.