Ribeira Sacra, constructo ideolóxico?

Antonio Rodríguez Álvarez HISTORIADOR

LEMOS

El Mosteiro de Santa Cristina visto desde el mirador de O Boqueiriño
El Mosteiro de Santa Cristina visto desde el mirador de O Boqueiriño ALBERTO LÓPEZ

26 ene 2021 . Actualizado a las 12:06 h.

Ao longo dos tempos sempre existiron persoeiros que, con ánimo de acadar notoriedade, tentaron crear polémicas artificiais afastadas, por suposto, de calquera rigor histórico.

Hai un tempo, cae nas miñas mans a opinión dun bolseiro en ciencias sociais segundo o que «a Ribeira Sacra é unha construción ideolóxica, é unha paisaxe imaxinada por unha elite de varóns católicos, eruditos, rexionalistas e urbanos dende fins do século XIX. Esta Ribeira non existe». A propósito desta afirmación, igual vén ao caso lembrar que o seu autor foi nado en Lugo.

Contrasentidos e incoherencias que, de non ser replicadas, quedan para a historia local nun limbo e van sumando ao redor de si adeptos a unha idea errada que basea a súa veracidade na repetición de «slogans» falsos. Sen máis profundidade investigadora que a de darlle forma de «descubrimento histórico» a relatos, que se ben poden resultar atractivos para algún xénero literario, non poden substituír, nin suplantar os feitos históricos que se basean no rigor científico e académico. A Ribeira Sacra non é ningún constructo ideolóxico e moito menos unha paisaxe imaxinada como mantén o pretendido historiador. Ese posicionamento nega o esforzo e traballo desas microhistorias que algún día o bolseiro presumiu de reivindicar. Trátase pola contra de unha realidade xeográfica e histórica que abrangue os últimos tramos dos río Sil e Cabe e o curso medio do Pai Minho / Miño.

O nome de Ribeira Sacra para referirse a este territorio de singular fermosura e con un patrimonio histórico-artístico único aparece documentado por primeira vez, naturalmente na súa versión latina Rivoira Sacra, para referirse a este territorio nun documento de principios do século XII (1124) outorgado en Allariz pola raíña Dona Teresa de Portugal (carta fundacional dun dos mosteiros que conforman este privilexiado territorio). A versión en lingua romance, Ribeira Sacra, xeneralizouse a partir dos traballos do Padre Yepes que utilizan e glosan o documento do ano 1124.

Para o bolseiro en Galicia existen ducias de Ribeiras. No país dos mil ríos non existen ducias, existen miles de ribeiras que bordean cada un dos ríos, regatos, regueiras, regueiros, corgas, corgos, cavorcos… que sucan a Nosa Terra, mais Ribeira Sacra só existe unha e está ben configurada e localizada.